Pontevedra pon en marcha unha aplicación para o intercambio de ideas e proxectos

luns, 19 de abril do 2021 S. P.

A semana pasada o Concello de Pontevedra presentou unha aplicación colaborativa para favorecer o intercambio coñecementos, ideas e proxectos. A iniciativa Redeiras PO2, que vén con páxina web de seu, arrincou con 100 persoas inscritas. Para participar só é preciso formalizar a inscrición en ola@redeira.gal. Segundo fixo saber a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulias, foi concibida como unha rede de colaboración e “como un espazo de pensamento e acción e xerador de oportunidades”. Un dos piares do proxecto é o seu peto colaborativo.
Anabel Gulías, que estivo acompañada na presentación pola responsábel do proxecto Mariém Filgueira, explicou que a aplicación web permitirá poñer en valor “proxectos interesantísimos que nacen na nosa cidade e traballos de asociacións que traspasan as fronteiras de Pontevedra e que permitirán conectar todas estas idade e poñelas en común”. Tamén indicou que o peto colaborativo é “froito da experiencia que estivemos vivindo coa COVID e dese período no que estivemos illados, e que nos fixo decatarnos da necesidade de mecanismos para unirnos e crear”.
Peto colaborativo
O peto colaborativo nace xa con preto de 100 persoas inscritas, que son as que participaron na fase de probas do proxecto. A partires de agora, todas as persoas que desexen formar parte do proxecto deben solicitar a inscrición na conta de correo ola@aredeira.gal para poder optar ás demandas e ofertas que se recollen na web.
Mariém Filgueira explicou que o funcionamento da aplicación é moi “doado e intuitivo” e permite a conexión entre persoas de xeito individual ou colectivo, pero que esa relación debe ser “de axuda e colaboración sen ningún tipo de fin lucrativo”. O de solicitudes e ofertas que se expoñen na versan, por exemplo, sobre información sobre saúde financeira ou peticións sobre espazos para realizar cursos e charlas.

PUBLICIDADE