Pontevedra porá en marcha unha web a prol da diversidade sexual

mércores, 9 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Pontevedra vai pór en marcha unha nova web sobre diversidade sexual. A páxina, que vén moi a conto para este intre de debate e confrontación política no que estamos a vivir (con determinadas ideoloxías que van directamente en contra do, por outra banda, necesario recoñecemento e visualización da diversidade), estará dispoñíbel en www.pintoemaragota.gal e servirá de alicerce á campaña do mesmo nome, Pinto e Maragota, impulsada pola Concellería de Igualdade que dirixe Carme Fouces. Tamén terá presenza activa nas redes sociais Facebook e Instagram.
A iniciativa ten o obxectivo básico de “empurrar cara o derrube do patriarcado; favorecer a vida en igualdade das persoas lesbianas, gais transexuais e doutros colectivos respectando a súa diversidade sexual e de xénero; promover, defender e garantir os dereitos do colectivo LGTBIQ+ ; favorecer a súa visualización e promover a empatía de todos os pontevedreses e pontevedresas coa diversidade”, en palabras da concelleira Carme Fouces. A campaña inclúe accións formativas, de divulgación e normalización, de lecer (vermú-faladoiros, clubs de lectura, cinefórum,..), obradoiros e sesións de atención baixo demanda de persoas de colectivo LGTBIQ+ e familias. Tamén se achegarán recursos de formación á Policía Local en materia de atención da diversidade sexual e fronte a LGTBIQfobia; e porase en marcha un Observatorio LGTBIQ+, etc.

PUBLICIDADE