Por fin desvelan o deseño de PS VR2

martes, 22 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Tras desvelarse a primeiros de anos as especificacións técnicas do futuro casco de realidade virtual para PlayStation 5, por fin amosan o deseño de PlayStation VR2, sen grandes sorpresas, xa que estamos ante un casco de VR que adopta unha liña estética semellante á dos mandos PS VR2 Sense presentados previamente e tamén cunha aparencia que casa co deseño da PlayStation 5.
A principal diferenza de deseño entre a PS5 e PS VR2 é que a consola conta con bordes planos e está pensada para colocarse sobre unha superficie plana, mentres que o sistema de realidade virtual dá máis protagonismo ás formas redondeadas, xa que a súa finalidade é estar en contacto físico constante co xogador, ou sexa, que vai na liña do mando DualSense e dos auriculares Pulse 3D. Conseguen así que os nosos dispositivos casen co resto de hardware da familia de PS5.
Con respecto á anterior xeración de PS VR, desta volta cóntase cun tamaño e peso máis reducidos, un novo motor de retroalimentación no casco, unha grella de ventilación que facilita a circulación do aire e incluso un regulador que permite axustar a distancia entre as lentes para colocalas en liña cos ollos e optimizar a visión.
Polo momento non dan detalles sobre a data de lanzamento e o prezo de PS VR2, que aínda debería tardar uns cantos meses en chegar ao mercado en espera de contar cun maior parte de consolas PS5 e un volume de xogos que fagan interesante a súa compra.

PUBLICIDADE