Por fin é posible empregar en España o iPhone a xeito de TPV

xoves, 26 de xuño do 2025 Marcus Fernández

CaixaBank vén de anunciar o lanzamento de Tap to Pay en iPhone, converténdose na primeira entidade financeira en España en ofrecer esta solución de pagamento sen contacto que permite aos comercios aceptar pagos utilizando unicamente un iPhone, sen precisar terminais físicos adicionais.
A solución, que conta co respaldo das redes globais de pagamento Visa e Mastercard, está dispoñible para empresas de todos os tamaños, especialmente aquelas que precisan mobilidade e flexibilidade como restaurantes, comercios con servizo a domicilio ou grandes superficies. Para utilizala, os negocios só teñen que instalar a aplicación Smartphone TPV nun iPhone Xs ou posterior cunha versión recente de iOS. A partir de aí, poden aceptar pagamentos con tarxetas contactless, Apple Pay e outras carteiras dixitais simplemente achegando o método de pagamento ao iPhone.
A tecnoloxía empregada, baseada en NFC, garante unha experiencia de uso áxil e segura. Apple, pola súa banda, non almacena os datos das tarxetas nin das transaccións nos seus servidores para unha maior seguridade.