Por fin é posible republicar en Instagram

mércores, 6 de agosto do 2025 Redacción

Dende que Instagram deixou de ser unha aplicación de fotografía e se transformou nunha plataforma social os usuarios veñen demandando a existencia dunha función para republicar contidos doutros usuarios, e finalmente a compañía cedeu a tal demanda incorporando de paso outras novidades pensadas para facilitar que os usuarios descubran novas experiencias e se manteñan en contacto cos seus círculos máis próximos. A partir de hoxe, xa é posible republicar contidos, ver nun mapa onde están os amigos e explorar un novo apartado que amosa as interaccións cos Reels por parte de persoas coñecidas.
Como xa dixemos, a funcionalidade máis destacable é a opción de republicar vídeos e publicacións públicas. Estas republicacións aparecerán tanto no feed dos seguidores como nunha pestana separada no perfil do usuario, facilitando a súa consulta posterior. Para os creadores, esta función pode abrir novas oportunidades de visibilidade, xa que os seus contidos poderán chegar a públicos que aínda non os seguen, se alguén os republica.

Mapas e amigos

Xunto a isto, o novo mapa de Instagram permite compartir de maneira opcional a última localización activa cos amigos escollidos. A localización só se actualiza cando se abre a aplicación e pode desactivarse en calquera momento. A función tamén permite consultar contidos publicados desde lugares concretos, como historias ou Reels etiquetados xeograficamente, que estean dispoñibles durante 24 horas. Para os pais que teñan activado o control parental, existe a posibilidade de supervisar esta opción nos perfís dos seus fillos.
Tamén se está implantando globalmente a pestana Amigos dentro de Reels. Nela, é posible ver os vídeos que os contactos marcaron como gústame, comentaron, republicaron ou crearon. Esta vista está deseñada para promover conversas arredor do contido compartido e reforzar a interacción cos máis achegados. Ademais, engádense opcións de configuración para ocultar a propia actividade e silenciar as actualizacións de certas persoas.
Estas funcións comezan a despregarse hoxe, con dispoñibilidade inicial nos Estados Unidos no caso do mapa, e unha expansión global progresiva nas demais características.