Por fin está dispoñible a fusión de contas de Fortnite

venres, 8 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

En setembro Sony daba o seu brazo a torcer e permitía o xogo cruzado en PlayStation 4 tras meses de presión por parte dos xogadores de Fortnite, pero o feito de que esa opción non estivese dispoñible anteriormente ocasionou que moitos usuarios tivesen unha conta para xogar na PS4 e outra para o resto de plataformas, para o que por fin crearon unha solución: un mecanismo de fusión de contas.
O sistema creado por Epic Games fai que o usuario teña que elixir dúas contas, pasando unha a ser a principal e outra a secundaria, sendo esta última a que fusionarase e deshabilitarase, ou sexa, que non poderá empregarse para xogar dende ningún equipo. Tras esta fusión e transcorridas 2 semanas os obxectos de contido estético e os paVos de Fortnite transferiranse á conta principal.
Dende Epic salientan que para que este proceso funcione unha das contas ten que ter xogado en Xbox One ou Nintendo Switch e a outra a PlayStation 4 antes do 28 de setembro de 2018. Tamén matizan que a Batalla campal permitirá fusionar os obxectos de contido estético, Salva o mundo permitirá fusionar chamas, defensores, heroes, esquemas, sobreviventes, PE, materiais de evolución e de beneficio; pero o resto de obxectos, como os artigos da tenda de Unreal e as illas creativas, así como o progreso e o nivel de conta de Salvar o mundo non poderá fusionarse dende a conta secundaria.

PUBLICIDADE