Por fin temos Apple Intelligence en España

luns, 31 de marzo do 2025 Marcus Fernández

En xuño de 2024 foi cando Apple presentou a súa grande aposta pola intelixencia artificial no que deu en chamar Apple Intelligence, e aínda que habería que gardar a setembro para que esta tecnoloxía chegase ao público, inicialmente o lanzamento sería exclusivo en inglés de EE.UU., quedando a Unión Europea fóra desta tecnoloxía na súa primeira fase de implantación.
Nas últimas horas a espera rematou, e co lanzamento de iOS 18.4, iPadOS 18.4 e macOS Sequoia 15.4 chega tamén Apple Intelligence a España en español (así como tamén funciona tamén en francés, italiano, portugués do Brasil, xaponés, coreano, chinés...).
Aínda que as prestacións de Apple Intelligence son moi inferiores ao que se esperaba (lembremos que a prometida integración con Siri entendese o contexto persoal do usuario e puidese interactuar con aplicacións adiouse até, como mínimo, o ano 2026), xa están dispoñibles as características máis básicas, como as ferramentas de escritura (que permiten revisar, reescribir e resumir textos en practicamente calquera aplicación), a xeración de imaxes con Image Playground ou a creación de Genmojis (unha especie de adhesivos xerados mediante IA).
A aplicación de Fotos tamén mellora con funcións para eliminar elementos de fotografías ou poder crear vídeos simplemente escribindo unha descrición do que queremos lembrar; mentres que a aplicación de Notas conta agora cunha variña máxica que fai doada a creación de imaxes baseadas no contexto escrito ou visual da anotacións.
O correo electrónico tamén se beneficia de Apple Intelligence coa detección das mensaxes máis importantes (que acaban destacadas pola súa prioridade), a posibilidade de resumir longas conversas ou o uso de respostas intelixentes para poder responder ao instante.
Estas funcións de priorización e resumen tamén se aplican ás notificacións do sistema, o que provocou bastante polémica nos países de fala inglesa polo mal funcionamento dos resumes, até o punto que decidiron que a función non estivese operativa en aplicacións informativas para evitar a divulgación de titulares falsos.
Aínda que a Siri aínda non integra Apple Intelligence como é debido, conta agora cun novo deseño e recibiu melloras para facilitar un uso máis natural, deixando en evidencia que a aplicación levaba anos totalmente abandonada e non se actualizou minimamente até que tiveron que preparala para recibir novas funcións. Para suplir as súas carencias, cando Siri non poida responder as consultas do usuario pode suxerir remitir as dúbidas a ChatGPT, o que racha coa política de Apple de correr a intelixencia artificial de xeito local, pero abrindo a porta a un xeito de consultar con ChatGPT bastante áxil. O ChatGPT tamén poden invocarse dende as ferramentas de escritura, xa que Apple Intelligence non xera textos dende cero, polo que en moitas ocasións resultará de grande axuda poder realizar solicitudes a OpenAI para axilizar a redacción de textos.
Un ámbito no que Apple Intelligence si ten moito potencial é no que dan en chamar intelixencia visual, que vén a ser o sistema de IA capaz de obter información sobre o contorno mediante imaxes, podendo traducir textos, detectar números de teléfono ou achegar información sobre un monumento que temos diante (o que podemos entender como a versión de Apple da tecnoloxía Google Lens coa que levamos anos familiarizados).
Cómpre salientar que o enfoque de Apple no mundo da IA é diferente ao dos seus competidores, apostando pola privacidade e a execución en local, o que previsiblemente levará a que esta tecnoloxía achegue unha experiencia moi limitada durante os vindeiros anos, pero pode rematar dando os seus froitos se finalmente os desenvolvedores apostan pola integración nas súas aplicacións e servizos, facendo así máis doada a relación das persoas coa tecnoloxía.