Porriño achega a informática ás persoas desempregadas

venres, 11 de agosto do 2017 Redacción

É posíbel seguir formándonos en TIC durante o verán? Pois, malia a consabida (e comprensíbel) caída de actividade das entidades e das empresas adicadas a facernos avanzar en materia dixital, si que é posíbel. Por exemplo, o Concello de Porriño está a desenvolver en agosto un completo programa de formación TIC para persoas desempregadas. A medida vén da man da Concellería de Formación e Emprego que dirixe Soledad Girón. As actividades comezaron o pasado día 7, co obradoiro Iniciación á informática, que tivo unha duración de 30 horas e que serviu para introducir aos participantes en cousas como o manexo básico dun computador, a xestión de arquivos, a creación de textos, a navegación por Internet ou o envío de correos electrónicos.
O programa continúa este 17 de agosto co curso Libre Office Calc-Iniciación. Terá unha duración de 20 horas, empezará esta quinta feira (xoves) e rematará o martes, día 22, impartíndose de 9 da mañá a 2 da tarde a persoas que teñan coñecementos básicos de ordenador. O obxectivo, informa o Concello, é que ao final da aprendizaxe “os participantes sexan quen de realizar operacións básicas e funcións sinxelas, saber dar formato as celas e configurar a páxina”.
Por último, o día 31 de agosto celebrarase o obradoiro Libre Office Base-Iniciación. Abranguerá 30 horas de formación. Impartiranse en horario de 9.00 da mañá a 14.00 horas, dende o xoves día 24 ao xoves 31 de agosto. O curso está dirixido a persoas que teñan teñan coñecementos básicos de ordenador. Ao rematar o usuario/a será quen de crear e modificar táboas, consultas, formularios, informes e crear relacións entre datos.
O Concello recalca que estas actividades da Concellaría de Formación e Emprego están destinadas a persoas que se atopan actualmente nunha situación de desemprego. Para poder participar é preciso inscribirse e pode facerse chamando ao seguinte teléfono 986 348944.

PUBLICIDADE