Portocabo preestrea en Ourense a comedia +Cuñados, participada por Movistar
xoves, 11 de abril do 2024
Ourense acolle este 10 de abril a presentación da longametraxe +Cuñados, rodada en Galicia e producida pola firma da nosa terra Portocabo, cunha contía de axudas da Xunta que superou os 255.000 euros. A preestrea do filme, que ten o apoio da plataforma Movistar, onde se estreará para o público de contidos en streaming, contou coa presenza do equipo responsábel de +Cuñados, entre os que se contaron o director noiés Luís Avilés, e os actores Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez, que repiten como trío protagonista (logo da primeira parte, a comedia Cuñados, que foi en 2021 a estrea máis ampla na historia do cinema galego). Segundo explicaron, o filme chegará ás pantallas o vindeiro 19 de abril.
Tamén asistiron á preestrea o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, así como representantes do resto de entidades e empresas colaboradoras. Rodríguez comentou que “tanto o público como a crítica celebraron a química do reparto e a intelixencia e o humor do guión de Cuñados” e amosouse convencido de que +Cuñados será tamén unha “comedia única, capaz de atraer públicos de todo tipo e espertar as risas para todas as idades”.
Novos xeitos de producir cinema
Respecto da produtora Portocabo, Premio da Cultura Galega 2023 na categoría de Audiovisual, destacou a súa contribución ao gran momento que está a vivir o sector. “O audiovisual ten contribuído a lle dar forma á identidade galega actual e creo que isto se estende a todos os xéneros, incluíndo a comedia”, destacou. Fixo fincapé, así mesmo, na capacidade das empresas galegas á hora de dinamizar o tecido profesional neste ámbito e de lles dar oportunidades a novos xeitos de producir series e películas, como no caso de Cuñados e a súa secuela.
Luis Avilés é o director de +Cuñados, que volve contar con Alfonso Blanco na produción executiva e cos actores Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey como trío protagonista. Para a súa produción, Portocabo contou cunha axuda de máis de 255.000 euros por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais, que reverteu na mobilización dun equipo de máis de 100 profesionais e nun investimento na nosa Comunidade próximo ao millón de euros.
A trama desta secuela, con guión de Araceli Gonda, ten como escenario a celebración do Entroido ourensán, durante o que os cuñados veranse envoltos nun novo enredo. Ademais do devandito trío, repiten no elenco Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal, aos que desta volta se suman David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão e Nuno Sá.
A longametraxe conta tamén co patrocinio da Deputación de Ourense, a participación de Movistar Plus+, TVG e RTVE, así como coa implicación de Movistar Plus + Internacional para a súa distribución fóra de España.