Portos de Galicia traballa na posta en marcha da súa propia sede electrónica

luns, 25 de abril do 2011 Raquel Noya

Jose Manuel Álvarez-Campana Gallo, presidente de Portos de Galicia

Na súa teima por modernizarse, innovar e adaptarse canto antes á nova lexislación sobre acceso electrónico aos servizos públicos, Portos de Galicia non quere facer agardar á cidadanía e xa vén de elaborar un Plan de Sistemas de Tecnoloxías da Información de seu, que vertebra diversas actuacións a desenvolver en torno ás TIC.
Unha delas, e se cabe a máis importante, é o inicio do despregamento dunha sede electrónica eficiente, que, entre outras cousas, vai mellorar amplamente a atención á cidadanía e ás empresas, posto que permitirá a comunicacións telemática con eles as 24 horas do día e os 7 días da semana.
Isto favorece que a comunidade internauta (cada vez máis numerosa no noso país) poida presentar e solicitar documentación oficial, presentar documentación para obtención de permisos ou asinar electrónicamente documentos sen ter que desprazarse ata as oficinas da entidade pública.
A sede electrónica, segundo informan os seus desenvolvedores, “comezará a construirse despois do verán e as comunicacións que xenere terán a mesma validez que as realizadas de xeito presencial nas dependencias do ente”.
Asemade, no devandito proceso de modernización, a entidade dependente da Consellería de Mar dotarase dun renovado portal web, no que se recollerán as novas e outros asuntos de interese para a comunidade portuaria galega.

Rosa Quintana, conselleira do Mar

Xa no eido empresarial, a creación dun Portal do proveedor permitirá que as empresas galegas se beneficien dunha serie de servizos online que non eran posibles ata o de agora, como manter actualizada a súa información e consultar información de interese para o empresariado (como o estado das tramitacións, facturas ou fianzas e avais). Estas comunicacións terán validez legal e garantirán a seguridade e confidencialidade da información.
A maiores, crearase un Perfil do contratante, que facilitará o acceso á información e documentación sobre os procedementos que o ente teña en curso, aportando transparencia aos mesmos. Este perfil presentará información relativa á contratación e permitirá consultar documentación asociada aos procedementos. Tamén contará cun servizo de avisos sobre contratación para os proveedores do ente, de xeito que poidan recibir unha notificación cando se inician novos procedementos de licitación
Todas elas son ferramentas que, segundo informan dende o Executivo, “foron deseñadas de xeito simplificado coa finalidade de que sexan doadas de manexar para calquera tipo de usuario, independentemente da experiencia que posúan en materia informática e de navegación por Internet”.

PUBLICIDADE