Portosín xa dispón dos accesos ultrarrápidos da fibra óptica de R
venres, 12 de xullo do 2019
A
compañía R vén de
incorporar a Portosín (Porto do Son) á rede de localidades que
gozan das súas redes ultrarrápidas de Internet a través de fibra
óptica: o tecido de poboacións e concellos que contan cos avanzados
equipamentos de FTTH (Fiber To The Home) da operadora galega.
O subministro desta infraestrutura na vila sonense implica a
dispoñibilidade de accesos de nova xeración (con servizos avanzados
de teléfono, Internet de alta velocidade con 500 Mbps simétricos e
televisión dixital multicanle de R) para 1.280 fogares e empresas da
vila costeira e a súa contorna.
Esta
cifra de domicilios e empresas acabados de conectar súmase aos 1.450
fogares e negocios da propia vila de Porto do Son recentemente
integrados á comunidade de localidades conectadas co FTTH de R. En
total, estariamos a falar na actualidade dunhas 2.730 unidades, entre
residencias particulares e empresas de todo o termo municipal de
Porto de Son.
Segundo
explica a compañía galega de cable, os traballos realizados no
concello sonense tentaron tirar o máximo proveito das
infraestruturas previamente existentes nas dúas localidades.
O
fornecemento de fibra no devandito concello abéiranse ao Plan
PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa, do que R foi
adxudicataria en 2016 para despregar FTTH (fibra até o edificio) nas
chamadas “zonas brancas”, é dicir, as que nunca dispuxeran de
accesos de alta velocidade até este momento.
Xunto
co da provincia da Coruña, o operador galego conseguiu tamén a
adxudicación doutros dous proxectos; un, para as provincias de Lugo
e Ourense e outro para a de Pontevedra. En total, os tres proxectos
supoñen un investimento de preto de 8 millóns de euros, dos que 4,3
son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea, a través do
Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA-Plan
Avanza) do Ministerio de Economía e Empresa. Só na provincia de
Coruña o investimento total rolda os 3,8 millóns de euros, dos
cales 2,1 proceden dos fondos europeos.
R
engadiu que cando se completen os traballos de despregue nas catro
provincias galegas, arredor de 33.000 fogares e empresas destas
“zonas brancas” formarán parte do millón longo de fogares e
negocios que a día de hoxe están en disposición de recibir os
servizos avanzados de R en Galicia.