Portugal convértese no primeiro país europeo con conexións domésticas á Rede a 1 Gbps

xoves, 8 de outubro do 2009 Marcus Fernández

En agosto comentamos que a operadora de telecomunicacións portuguesa ZON estaba a preparar conexións de acceso á Internet a unha velocidade de 1 Gbps facendo uso da fibra óptica, e agora incorporan estas conexións á súa oferta pública, de xeito que na súa páxina web xa figuran os novos combinados de teléfono, televisión e Internet a velocidades de 200 Mbps e 1 Gbps de descarga, con velocidades de subida de 10 Mbps e 1 Gbps respectivamente.

O paquete ZON FIBRA 1 GB estrea o acceso á Rede a 1 Gbps en Portugal

Concretamente a conexión ZON FIBRA 1 GB inclúe 96 canles de televisión (con acceso a contidos de alta definición), 14 canles de radio, tarifa plana de voz a teléfonos fixos e unha conexión simétrica á Internet a unha velocidade de 1 Gbps, todo por un prezo de 249,90 euros/mes o primeiro ano; o paquete ZON FIBRA 200 tería as mesmas prestacións de voz e televisión, pero a súa conexión á Rede sería de 200 Mbps de descarga e 10 Mbps de subida por 99,90 euros/mes durante o primeiro ano (ata finais de ano tamén será de balde a instalación e o equipamento necesario para este tipo de conexións). De todos os xeitos, hai que destacar que a dispoñibilidade xeográfica destas conexións é moi reducida, pois é preciso estar dentro de zonas nas que ZON poida levar a súa fibra óptica ata o usuario final.
Deste xeito, Portugal sería o primeiro país de Europa en comercializar unha conexión simétrica a 1 Gbps, aínda que sexa a un prezo bastante elevado e do que dificilmente pode tirar proveito un usuario doméstico (cómpre destacar que a velocidade subministrada é moi superior á de moitas redes locais e sen fíos), polo que sorprende que esteamos ante unha oferta para o mercado residencial.
O que deixa en evidencia esta nova oferta de conexións de ZON é que en Galicia estamos a pagar demasiado polos nosos accesos á Rede, incluso a través da operadora galega do cable R, pois un Combo R con teléfono, televisión e Internet a 12 Mbps/600 Kbps custa 75 euros/mes, mentres que a operadora lusa ofrece por 54,90 euros unha oferta semellante cunha conexión á Rede de 20 Mbps/1Mbps, así como unha conexión de 100 Mbps/6 Mbps por 69,90 euros/mes.

PUBLICIDADE