Pouca demanda das conexións de Hispasat subvencionadas

venres, 2 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Levamos máis dun ano dende que, a través do programa ÚNICO Demanda Rural, iniciouse unha liña de axudas para permitir o acceso de banda larga de 100 Mbps a un prezo de 35 euros/mes a través de Hispasat, servizo que mellorou en xaneiro a súa velocidade até os 200 Mbps, o que non parece ter sido dabondo, pois están a dar conta dunha contratación inferior á prevista.
Actualmente só hai uns 10.000 fogares que se beneficiaron desta liña de axudas que permite conexións de satélite para suplir a ausencia de liñas de banda larga fixa, e ante o que consideran un rotundo fracaso, engaden agora a posibilidade de permitir a portabilidade de liñas, o que podería dinamizar o mercado dos operadores rurais.
Aínda que algúns aseguran que o fracaso desta liña de axudas é o descoñecemento da mesma por parte do público, non podemos esquecer que estamos ante unha solución de último recurso, que dista moito de ser óptima.
Actualmente, por 35 euros/mes ofrecen unha conexión de até 200 Mbps de descarga e 10 Mbps de subida, cunha latencia media máxima de 690 milisegundos e cun límite de 150 GB de transferencia ao mes que unha vez superados reducirán a velocidade da liña. En contraste, Starlink (sen precisar de axudas) ofrece por 40 euros/mes conexións con velocidades de baixada de 145-213 Mbps, velocidades de subida de 24-39 Mbps e latencias de 30-36 milisegundos, o que supón unha conexión 20 veces mellor, que serviría incluso para realizar videoconferencias, algo para o que unha conexión a través de Hispasat non resultaría satisfactorio polo retardo das conexións. Ante tal situación podemos entender que a proposta do programa ÚNICO Demanda Rural chegou fóra de tempo, quedando practicamente fóra de mercado.