Preguntados, o novo xogo de preguntas dos creadores de Apalabrados

luns, 28 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A compañía detrás de éxitos como Apalabrados e Mezcladitos, Etermax, estreou a pasada fin de semana o que pretende ser o novo fenómeno do lecer en dispositivos móbiles, o xogo Preguntados, un título que podemos descargar de balde para iOS e para Android e que vén a ser un xogo de preguntas e respostas por categorías nas que se enfrontan dous xogadores en liña cunha mecánica moi semellante á do resto de xogos do seu estudio.
Preguntados divide as partidas en quendas nas que cada opoñente terá que facer rodar unha ruleta na que decidirase entre as 6 categorías dispoñibles (Arte e Literatura, Ciencia e Tecnoloxía, Xeografía, Historia, Deporte e Lecer) para a seguinte pregunta a responder, existindo unha sétima opción que permitirá elixir entre gañar a coroa dunha categoría (equivalen neste xogo aos queixiños do Trivial Pursuit) ou retar ao contrincante a un duelo. A partida rematará cando un xogador xunte as coroas das 6 categorías dispoñibles ou supere un duelo final de superaren as 25 quendas sen un gañador.
Para potenciar a compoñente free-to-play deste xogo, poderanse empregar catro power-ups ou comodíns que dan vantaxes á hora de superar as preguntas máis complicadas. Deste xeito, poderemos eliminar respostas incorrectas, contar cunha segunda oportunidade para responder, ter máis tempo para pensar as respostas ou gozar de tiros adicionais por se non estamos satisfeitos coa sorte que tivemos na ruleta. Estas opcións poden gañarse no xogo ou comprarse con cartos reais.
Polo momento o xogo está dispoñible en español (de España e América latina) e en inglés (de Reino Unido e EE.UU.), e conta polo momento con máis de 5.000 preguntas, que están abertas á colaboración dos usuarios, que poderán propor cuestións para futuras actualizacións do xogo.

PUBLICIDADE