Premiada a iniciativa de cole intelixente do CEIP Barouta, Ames

luns, 16 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente resolveuse no mes de xuño a quinta edición do concurso Proxecto Innovación, organizado pola Plataforma Proxecta, o espazo educativo-tecnolóxico da Fundación Amancio Ortega e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, destinado a salientar e visualizar as propostas da nosa rapazada que máis potencial atesouren para convertérense en grandes inventos das comunicacións, da docencia, do medio ambiente ou da saúde, entre outros moitos eidos. O primeiro premio foi para o CEIP de Barouta (Ames), grazas ao proxecto Embaróuta- T: nó sostible de colexio intelixente, conectado e vinculado a calquera parte do mundo.
A iniciativa gañadora, apoiada pola ANPA e o Concello de Ames, recibirá unha contía de 7.880 euros (o 80% do importe solicitado), para poder desenvolver o devandito proxecto de colexio smart.
En termos máis concretos, Embaróuta- T: nó sostible pretende a transformación do propio centro, a través da robótica e o tratamento de refugallos (poñendo o foco nos plásticos con vistas á súa axeitada reciclaxe), cara a metodoloxías e procedementos propios das Cidades Intelixentes. Ou sexa, cara un aproveitamento das posibilidades das novas ferramentas da comunicación e da información para gañar en xestión, rendibilidade, sustentabilidade, eficiencia e eficacia. No caso do cole de Ames, a idea básica é que sexa un “cole conectado co mundo”: con calquera recanto do mundo. Ademais, outro dos obxectivos é convertelo nun centro docente “onde se promovan aprendizaxes significativas desde as capacidades e orientados ás expectativas de todo o alumnado”.
O pasado 24 de maio os representantes dos seis proxectos finalistas do V Concurso Proxecta Innovación tiveron a oportunidade de explicar e defender os seus proxectos ante o xurado do certame no XII Encontro inspiraTIC. O xurado determinou que o segundo premio fose para o proxecto Hortus Cultus 3.0, do CEIP Balaídos de Vigo, e o terceiro premio levouno a iniciativa Realiz-Arte, do CPR Compañía de María da Coruña. Ademais, concedéronse 3 accésits, para os proxectos Curtas Inma, do CPR La Inmaculada - La Salle, de Santiago; Plataforma #Educagram, do IES do Castro de Vigo; e Mastigar e dixerir un libro: a Fraga Milmañas, do CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo.

PUBLICIDADE