Premiada en Vilagarcía a despregadura que levou fibra óptica a 30.000 fogares rurais de Asturias

luns, 25 de setembro do 2023 S. P.

A despregadura de fibra óptica levada a cabo por Adamo en 30.000 fogares asturianos, sobre todo rurais, nun período de tres anos foi un dos proxectos gañadores nos Premios #EuropaSeSiente, organizados polo Ministerio de Facenda para poñer en valor os logros dos fondos comunitarios en España. Os galardóns foron entregados esta fin de semana en Vilagarcía de Arousa.
Trátase dun certame organizado pola Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda e Función Pública, un ano máis, “co fin de dar visibilidade e incrementar a concienciación dos cidadáns sobre os resultados e o valor engadido do apoio dos fondos europeos en España”.
A compañía Adamo resultou gañadora dos tres finalistas seleccionados na categoría #EuropaSeSiente Próxima polos seus inxentes traballos realizados no Principado de Asturias. En concreto, Adamo fixo posíbel que preto de 30.000 familias asturianas accedesen a fibra óptica en só tres exercicios. “Iso malia a baixa densidade de vivendas por quilómetro cadrado, dos enormes obstáculos orográficos e do factor meteorolóxico, con montañas cubertas de neve durante varios meses do ano”, salientou a compañía de telecomunicacións, engadindo que a despregadura levada a cabo na Comunidade ascendeu a 5.600 quilómetros de cable para achegar a rede da Internet de alta velocidade, sobre todo, ao ámbito rural. Foron onas apartadas, lugares remotos ou cun evidente déficit nas súas comunicacións, que “agora poden gozar dunha potencia de ata 1.000 Mb, o sinal máximo habitual que pode atoparse en calquera gran cidade”, destacou a operadora.