Premian á aplicación móbil do Servizo Público de Emprego

martes, 1 de abril do 2014 Redacción

JPEG - 78.2 KB
Alejandro Casas, xerente de proxectos da AMTEGA, en representación da Xunta, recolleu o premio da Fundación Socinfo á aplicación MOBEM

A aplicación MOBEM, que permite realizar xestións co Servizo Público de Emprego dende o móbil, vén de recibir o premio TIC nos Servizos Públicos de Emprego 2014 da Fundación Socinfo e a revista Sociedade da Información, galardón recibido hoxe polo xerente de proxectos da AMTEGA, Alejandro Casas, en representación da Administración autonómica. Esta ferramenta de balde está dispoñible actualmente para iOS, Android, BlackBerry e Windows Phone, e para identificarse fronte a mesma emprégase o mesmo nome de usuario e contrasinal que no portal de emprego (datos que poden acadarse ou recuperarse nas oficinas de emprego).
Desde a súa posta en marcha en xullo do ano pasado, esta aplicación pioneira en Galicia xa tivo máis de 10.000 descargas. Ata o de agora, ademais, xa se realizaron máis de 3.600 renovacións da demanda de emprego, comunicáronse 1.200 citas de orientación, máis de 300 comunicacións de cursos de formación e preto de 9.700 comunicacións para dispoñibilidade de ofertas. En total, rexistráronse desde a súa posta en marcha máis de 49.100 accesos.
Ofrece aos cidadáns diferentes vantaxes, como é a posibilidade de que poidan renovar a súa demanda de emprego desde móbil. Ademais, e, entre outras actuacións, os galegos poden consultar en tempo real se son convocados a unha cita para a orientación laboral; se foron seleccionados para participar nun curso de formación; ou se, por exemplo, están entre os candidatos dunha oferta laboral; prestacións que gozan agora dunha maior dispoñibilidade grazas á incorporación de notificacións á aplicación na súa última actualización (cando menos en Android).

PUBLICIDADE