Premiere Rush incorpora control de velocidade na edición de vídeo

martes, 6 de agosto do 2019 Marcus Fernández

A aplicación Premiere Rush de Adobe está a gañar moito peso como editor de vídeo multiplataforma, tendo como grande punto ao seu favor que os seus traballos poden realizarse en iOS, Android e en escritorios informáticos indistintamente grazas á sincronización na nube, e incluso permiten a importación dos proxectos dende Adobe Premiere Pro, de xeito que traballos realizados en mobilidade poden levarse a un maior nivel de detalle no escritorio.
Pero este novo fluxo de traballo para a edición de vídeo presenta certas limitacións, e unha delas vén de ser superada, xa que a versión 1.2 de Rush incorpora unha das funcionalidades máis demandadas polos seus usuarios: o control de velocidade.
Deste xeito, os creadores de vídeo poden agora realizar axustes básicos de velocidade, facendo que un vídeo vaia a cámara rápida ou a cámara lenta, simplemente elixindo a porcentaxe de velocidade do corte. Este axuste tamén pode realizarse só nun rango do corte en concreto, podendo seleccionarse o fotograma a partires do cal o vídeo irá á velocidade indicada.
Pero un dos detalles máis innovadores de Premiere Rush é que os cambios de velocidade poden realizarse de xeito progresivo, sendo a primeira aplicación deste tipo que consegue tal, de xeito que os vídeos aceleraranse ou ralentizaranse de xeito progresivo nos momentos que desexemos para conseguir uns cambios de velocidade máis suaves (o cambio de velocidade está fixado en medio segundo de xeito predeterminado, pero pode axustarse a calquera valor).
Tamén é posible indicar manualmente a duración dun clip, de xeito que Rush axuste a velocidade para axustarse a tal tempo, o que pode resultar moi práctico, por exemplo, para realizar timelapses.
Para que durante os cambios de velocidade o son non se escoite deformado (ou moi agudo ou moi grave) tamén é posible activar a opción para manter o ton orixinal, creando así vídeos moito máis naturais.

PUBLICIDADE