Preocupación pola censura de Facebook a un xornalista maltés

luns, 22 de maio do 2017 Marcus Fernández

O tratamento da información por parte de Facebook é unha preocupación que vai moito máis aló do control da difusión de falsidades, pois a plataforma de Mark Zuckerberg continúa a facer labores de edición e censura dos contidos dos usuarios, incluíndo a xornalistas galardoados cun Pulitzer como Matthew Caruana Galizia, un dos profesionais detrás da publicación dos Papeis de Panamá, que veu como bloqueaban a súa conta e borraban varios dos seus contidos por mor de publicacións nas que acusaba ao primeiro ministro de Malta e persoais asociadas de corrupción.
O bloqueo foi temporal, e as entradas eliminadas incluían imaxes de documentación dos Papeis de Panamá, pero dado que as eleccións presidenciais en Malta terán lugar o vindeiro 3 de xuño, está claro que o feito de exercer censura de información de interese neste momento pode resultar crucial ao igual que aconteceu coas faked news durante os comicios estadounidenses.
Tras as críticas recibidas, dende Facebook aseguran estar a estudar as circunstancias do borrado de publicacións de Caruana, que asegurarían que podería xustificarse pola publicación de información persoal allea sen consentimento, o que claramente esperta preocupación ante o rol que está a tomar Facebook na moderación do xornalismo.
Facebook xa mudara as súas condicións de uso para permitir a publicación de información de interese público, pero non parecen ser fieis ao espírito de tal norma, e agora aseguran que o xornalista afectado por esta polémica «pode publicar o que precise, sen incluír detalles privados innecesarios que poidan supor riscos de seguridade», o que é un criterio sumamente subxectivo que sitúa á plataforma social nun rol máis propio da redacción dun medio de comunicación.
Caruana Galizia recoñeceu estar moi sorprendido pola censura de Facebook, e asegura que publicou a documentación eliminada temporalmente ante a pouca información que estaban a publicar os medios tradicionais sobre o tema e para chegar a un maior rango de poboación. Tamén admite sospeitar que o primeiro ministro de Malta ou o seu persoal presionaron á Facebook para o borrado das polémicas entradas que estaban a compartirse con grande intensidade, conseguindo unha enorme difusión.

PUBLICIDADE