Preparan un gravador doméstico de discos de vinilo

venres, 11 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Nun momento no que os soportes físicos perderon relevancia no mundo da música a nivel comercial, continúan a producirse gravacións en formatos tan obsoletos como o vinilo, aínda que este tipo de discos teñen un proceso de fabricación bastante complexo que normalmente limitábase a ámbitos profesionais, pero que podería dar un curioso cambio grazas a Phonocut, compañía que está a traballar nun gravador doméstico de discos de vinilo de 10 polgadas (propios para sinxelos), que buscará facerse realidade a través dunha campaña e micromecenado en Kickstarter que botará a andar a semana que vén cun prezo de lanzamento que parte dos 999 euros.
Este gravador será un produto moi sinxelo, no que simplemente temos que conectar o trebello a unha fonte sonora, inserir un disco de vinilo en branco, e iniciar a gravación, de xeito que a máquina gravará fisicamente o soporte que pode almacenar entre 10 e 15 minutos por cara.
Este proxecto pretende producir os primeiros gravadores en decembro de 2020, e probablemente consiga certo impacto, do mesmo xeito que aconteceu coas novas cámaras que imitan ás cámaras instantáneas de Polaroid, que conseguen cativar a nostálxicos e tamén a creadores que queren fuxir do dixital para crear experiencias diferentes.

PUBLICIDADE