Preparan un xogo de VR inspirado en Pang

martes, 14 de xullo do 2020 Marcus Fernández

O estudio de videoxogos especializado en móbiles e realidade virtual, Ivanovich Games, vén de pór fecha de estrea ao acceso anticipado en Steam para o seu novo xogo Pangman, que vén a ser un xogo claramente inspirado no clásico Pang de 1989, pero cun cambio moi importante consistente en levar a mecánica do xogo á realidade virtual.
A partir do 25 de agosto será posible desbloquear este xogo cunha estética inspirada en Matrix e con 140 niveis no seu modo historia nos que armados cun par de pistolas haberá que destruír a esferas alieníxenas que atacan o noso planeta. Ao igual que o xogo orixinal, tamén é posible xogar en cooperativo, só que desta volta non se limita a 2 participantes cooperativos, senón que será posible botar frenéticas partidas competitivas multixogador con até 8 xogadores.
Pangman non só permite disparar ás bolas, senón que tamén conta con armas clásicas como o gancho, mantendo así detalles propios de Pang baixo a perspectiva da primeira persoa que ofrece a realidade virtual, combinando así nostalxia coas innovacións propias da VR, destacando este título tamén pola súa versatilidade, xa que pode xogarse con 1 ou 2 mans, sentando ou a escala real, e con numerosas solucións de realidade virtual (inicialmente sairá para os máis populares cascos de VR para PC, pero máis adiante tamén contará con versión para PlayStation VR).
Unha produción á que pagará a pena botar unha ollada para comprobar como vellas mecánicas de xogo poden modernizarse para conseguir creacións novas bastante atractivas.

Tráiler de Pangman

PUBLICIDADE