Preparan unha consola portátil que funcionaría con Windows 10

mércores, 27 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos non foron poucas as consolas portátiles baseadas en Android que chegaron ao mercado, valéndose do uso de emuladores para ter un grande atractivo, pero agora que Windows 10 está a gañar presenza en tabletas, un dos fabricantes deste tipo de trebellos, a chinesa GPD, anuncia que está a preparar a consola GPD Win, que podería ser un dos produtos deste tipo máis rechamantes do mercado, xa que aínda que estea destinado aos xogos, realmente sería un ordenador en miniatura bastante curioso.
O GPD Win funcionaría cun procesador Intel Atom X5 Z8500 (aínda que é posible que finalmente conte cun Z8550) de catro núcleos e 64 bits, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de até 128 GB) e Windows 10, aínda que en vez de contar cunha pantalla de ante 7 e 10,1 polgadas, confórmase cunha pantalla de táctil de 5,5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, un conector USB tipo C, un USB 3.0 ordinario, saída micro HDMI, batería de 6.000 mAh (que debería achegar unhas 8 horas de autonomía), Wi-Fi e Bluetooth, que aparte de contar con controis propios dunha consola portátil (mandos analóxicos, cruceta e botóns de disparo) tamén ten teclado QWERTY, de xeito que parece un portátil en miniatura, o que podería disparar o seu atractivo (como o feito de que poida correr con infinidade de emuladores para PC, sendo un produto moito menos limitado que as solucións baseadas en Android).
Haberá que agardar uns meses para ver se o produto chega ao mercado, e se a disposición dos seus controis resulta cómoda, pero cando menos vemos que a chegada de Windows 10 a dispositivos económicos de pequeno tamaño dispara a imaxinación dos fabricantes que retoman conceptos que parecía esquecidos, e farían bastante literal o feito de poder gozar dun ordenador de peto.

A disposición dos controis da GPD Win non parece especialmente confortable

PUBLICIDADE