Preséntase o Libro da Administración Electrónica da Xunta de Galicia

luns, 11 de abril do 2011 Redacción

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, presentou esta mañá o Libro da Administración Electrónica da Xunta de Galicia, acompañado pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o presidente o Colexio de Enxeñeiros en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, quen coordinou a publicación dirixida por Rafael A. Millán Calenti, profesor de Dereito Mercantil na USC e letrado da Xunta de Galicia.
Na obra participan un gran abano de profesionais da Administración autonómica e local que realizan achegas de carácter xurídico, técnico e organizativo sobre o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nos seus organismos dependentes. A publicación enmárcase no convenio de colaboración subscrito entre o CPEIG e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
Trátase dunha obra de carácter ilustrativo, cun enfoque didáctico e eminentemente práctica. As anotacións e comentarios ao decreto perseguen o obxectivo de aclarar conceptos, termos e expresións ao uso cando se trata de aplicar a informática aos procedementos administrativos. O libro é unha ferramenta axeitada e complementaria para o apoio á implantación real da Administración electrónica na nosa Comunidade.

JPEG - 340.9 KB
Alfonso Rueda, Mar Pereira, Carlos Fernández, Rafael Millán e Fernando Suárez participaron na presentación do novo libro

No acto de presentación do texto, o conselleiro de Presidencia destacou que a boa política do Goberno galego en materia de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) ofrece mellores solucións e servizos por medios electrónicos aos galegos, ao que engadiu que co novo Decreto da Administración Electrónica, aprobado recentemente pola Xunta, a relación electrónica dos cidadáns coa administración deixa de ser unha posibilidade e convértese nun dereito. Así mesmo, para o Goberno galego a posta en marcha de medios para esta relación deixa de ser unha opción e pasa a ser un deber.
Segundo o conselleiro, as liñas mestras desta nova normativa consisten en acadar unhas administracións e un tecido produtivo que actúen e maximicen as súas posibilidades a través das novas tecnoloxías; unha cidadanía capacitada para sacarlles o máximo rendemento e unha infraestrutura tecnolóxica que llo permita en condicións de calidade.
A través deste decreto garántese aos galegos a posibilidade de tramitar os procedementos a través dunha sede electrónica e para asegurar a plena validez e seguridade xurídica destes regula os sistemas de sinatura electrónica e de verificación de autenticidade.


Declaracións do conselleiro de Presidencia durante a presentación do novo libro

PUBLICIDADE