Presentada a recreación virtual da torre-fortaleza de Castro de Montes, en Forcarei

martes, 27 de agosto do 2024 S. P.

Forcarei acolleu este martes 27 de agosto a presentación da reconstrución virtual da torre-fortaleza de Castro de Montes, unha recreación que permite recuperar a historia e o papel que desenvolveu esta construción. Na cita participou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
Segundo lembrou, a torre-fortaleza, cuxos escasos restos áchanse na parroquia de San Miguel de Presqueira, conta grazas a esta iniciativa financiada polo Goberno galego, en colaboración coa Asociación de Amigos da Terra de Montes, con varios materiais destinados á súa posta en valor. Así, o público poderá achegarse á outrora gran fortificación a través dun vídeo no que se visualiza a vista de paxaro a reconstrución do xacemento e dun modelo 3D que permite a interacción virtual co enclave. O acceso a estes recursos facilítase coa posta en marcha dunha web e a instalación dun panel informativo ao pé dos vestixios cos datos relevantes e un código QR.
A fortificación de Castro de Montes debe o seu nome ao seu lugar de asentamento, un castro que foi utilizado posteriormente polos romanos como campamento. Na actualidade só quedan algunhas pedras da fortaleza que apenas permiten recoñecer a súa estrutura.
Deste xeito, para a súa recuperación a nivel virtual realizouse previamente unha recompilación e filtrado de material histórico. Para axustarse á realidade e levar a cabo unha reconstrución fiel baseada en elementos reais fixéronse traballos de xeoreferencia e fotogrametría de todo o terreo, contando con datos de alta resolución.