Presentada unha ferramenta contra o odio nas redes nas xornadas Sinracxen
luns, 18 de novembro do 2024
O pasado xoves, 14 de novembro a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade da Coruña, Nereida Canosa, participaba nas III Xornadas Sinracxen, unha proposta da Organización Non Gobernamental (ONG) ACCEM que tiña lugar na coruñesa Casa Museo Casares Quiroga, e na que a entidade presentou unha ferramenta para a prevención de discursos de odio en redes sociais.
Dicir que nesta xornada informativa de ACCEM, que tratou as múltiples caras da discriminación, fíxose fincapé na importancia de avanzar cara a unha contorna dixital máis segura, "na que as redes sociais, do mesmo xeito que as nosas rúas, reflictan os valores de respecto, empatía e solidariedade".
Indo ao acto, amais da concelleira, participaron tamén a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o responsábel territorial de ACCEM en Galicia, Daniel Bóveda, que abriron camiño a un coloquio no que tomaron parte diversos representantes de entidades sociais e tamén do sector docente. Foron: Soledad Lucero de Movilidad Humana, Natalia Duré do Proyecto Gadea, Cristina Botana, pertencente ao departamento de Xeografía da USC, Lorena García da ONG Viraventos, Zinthia Álvarez de Mujeres negras que cambiaron el mundo e Eduardo Búa do Servicio de Asistencia y Orientación a Víctimas de Discriminación Racial o Étnica. Asemade, Daniel Alejandro Barrera e Beatriz Iritia, técnicos de sensibilización de ACCEM, presentaron a nova ferramenta dixital para a prevención de discursos de odio nas redes sociais (RRSS), que terá aplicación, especialmente, no eido educativo.
Seguindo esta liña, Nereida Canosa incidiu en que "estamos a vivir un momento no que as redes sociais amplifican tanto as voces de unión como as de odio. Con todo, debemos ser conscientes de que a desinformación e as mensaxes de odio que circulan nestes espazos non xorden de maneira espontánea. Estes discursos impúlsanse de maneira intencionada por colectivos e organizacións que os disolven e os agochan no anonimato colectivo, xerando unha polarización perigosa. O obxectivo de quen os difunde é dividirnos como sociedade, vulnerar os nosos principios de convivencia e sementar medo e hostilidade, especialmente cara a aqueles colectivos que consideran diferentes ou menos dignos".