Presentadas as tres primeiras ferramentas de Nós: un tradutor, un recoñecedor de voz e unha aplicación que le na nosa lingua
luns, 5 de xuño do 2023- Presentación das ferramentas do Proxecto Nós celebrada este luns 5 de xuño/Fotos de Santi Alvite
O
Proxecto Nós, integrado pola
Xunta (Consellería de Cultura e Educación, Secretaría Xeral de
Política Linguïstica), o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o
centro CiTIUS da USC, celebrou
este luns 5 de xuño a presentación dos detalles das súas tres
primeiras ferramentas: ferramentas destinadas a facilitar a
integración da lingua galega no ámbito da Intelixencia Artificial e
das tecnoloxías disruptivas. O encargado de dar a coñecer os
proxectos foi o conselleiro de Cultura, Educación, FP e
Universidades, Román Rodríguez. Trátase, dixo, “de 3 aplicacións
sen precedente en Galicia que permitirán a interacción en lingua
galega entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos”.
No acto, que tivo lugar no edificio Fontán da Cidade da Cultura, sede do Proxecto Nós, tamén participaron o reitor da USC, Antonio López; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Senén Barro; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández.
O
titular de Cultura e o reitor referíronse en concreto ao primeiro tradutor
neuronal multilingüe feito en Galicia, ao recoñecedor de voz que
entende o galego oral e o converte a texto e á aplicación de
síntese de voz que, a partir dun texto, é quen de ler en lingua
galega. Rodríguez lembrou que un exemplo das aplicacións desta
última ferramenta xa se puido ver no anuncio institucional que a
Xunta lanzou polas Letras Galegas 2023, onde “presentamos a
primeira locución da historia en lingua galega xerada por
Intelixencia Artificial grazas ás capacidades desta iniciativa”,
indicou Román Rodríguez, engadindo que o tradutor xa se atopa
dispoñíbel e que os outros dous recursos tecnolóxicos estarano en
breve para calquera persoa, empresa ou proxecto, que poderán
empregalos de maneira gratuíta. Segundo fixo saber, “permitirán
non só reforzar a proxección exterior do galego, senón tamén a
expansión económica do lingua como vehículo de comunicación nos
mercados globais”.
Próximos
obxectivos
No acto sinalouse tamén que o Goberno galego e a Universidade de
Santiago de Compostela “continuarán traballando na recompilación
de voces que reflictan a gran variedade fonética e dialectal que
existe por toda Galicia”, o que permitirá seguir mellorando os
modelos de ferramentas actuais, ao tempo que se desenvolverán novos
modelos multilingües en cooperación cos proxectos equivalentes a
Nós para o resto de linguas do Estado. Ademais, “queremos
fortalecer as aplicacións que se farán en eidos como o sanitario, o
educativo, o asistencial...” concluíu o titular de Cultura.
Nós
Impulsado
inicialmente pola Xunta e a Universidade de Santiago, o Proxecto Nós,
que foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua, “supón o
maior investimento directo na promoción do galego de toda a historia
de Galicia”, explicou Rodríguez.
A
este traballo a prol da inclusión da lingua galega no mundo dixital
e das tecnoloxías súmanse outras accións impulsadas ou apoiadas
polo Goberno galego como son a opción de configurar en galego tanto
a aplicación musical Spotify como o novo modelo de calculadoras
ClassWiz de Casio, así como os acordos con plataformas audiovisuais
como Netflix ou Amazon Prime para incluír títulos dobrados ou
subtitulados nas linguas cooficiais.