Presentado en Valdeorras o proxecto ourensán para transformar o ciclo da auga: OU-Intelixente
xoves, 26 de setembro do 2024
A delegación da Deputación de Ourense en Valdeorras, na Casa Grande de Viloira, acolleu este 25 de setembro unha xornada informativa arredor do proxecto OU-intelixente, presentado pola Deputación a través da empresa mixta AquaOurense (formada pola propia institución provincial e Viaqua) e cuxo obxectivo é dixitalizar a xestión do ciclo da auga nos concellos. Vén cun orzamento de 7,75 millóns e busca “aplicar as últimas tecnoloxías ao tratamento e control da auga”.
Na cita participaron o presidente provincial, Luis Menor, xunto co director da Área de Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe, así como Víctor Comesaña, xerente de AquaOurense, e Nicolás Esmorís, director de Viaqua. Tamén acudiron representantes municipais de A Rúa, A Veiga, O Barco, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín, municipios que serán os primeiros dos 81 concellos da provincia en beneficiarse da instalación de telecontadores e a dixitalización dos sistemas de abastecemento e depuración.
A Deputación destina a este proxecto 5,73 millóns de euros, mentres que do resto do investimento farase cargo o Ministerio para a Transición Ecolóxica do Reto Demográfico (MITECO), dentro da primeira convocatoria específica dos Fondos Next Generation asociada ao PERTE de dixitalización da auga.
Na xornada xpuxéronse datos específicos sobre os traballos a realizar, que nesta caso alcanzarán preto de 3,3 millóns de euros. O proxecto inclúe subministración e instalación de 16.130 contadores domiciliarios con telelectura, que permitirán unha planificación e control máis exactos e, como consecuencia, un mellor servizo. Outro apartado deste proxecto é a dixitalización das instalacións de depuración, mediante equipos que permitan controlar en todo momento a cantidade e calidade dos vertidos. Este mesmo proceso realizarase para dixitalizar as instalacións e funcionamento do abastecemento de auga para consumo, así como redes de distribución do Consorcio de Valdeorras.
Os técnicos explicaron polo miúdo as características deste proxecto para dixitalizar o ciclo da auga nos municipios da provincia, con especial detalle nos nove concellos da comarca de Valdeorras. Citaron como obxectivos estratéxicos os seguintes: a automatización do ciclo da auga coa implantación da telelectura e telecontrol; a creación dun centro dixital para a xestión integral da operativa da auga; dotar aos concellos do rural de ferramentas dixitais; e a implantación dun hub tecnolóxico onde integrar datos e realizar predicións grazas ao Big Data (análise da información a gran escala) e a Intelixencia Artificial, “converténdoo nun lugar aberto á cidadanía e un espazo de co-creación co ecosistema emprendedor da provincia”, explicaron.