Presentado o novo corrector de galego Imaxín Galgo 2.0

luns, 10 de setembro do 2012 Raquel Noya

A web da Secretaría Xeral de Política Lingüística dá acubillo, dende hai ben tempo, a un amplo abano de ferramentas que nos axudan a coñecer mellor e a perfeccionar o noso dominio do galego, porén vén de completarse cun corrector que nos axuda a que a escrita estea adaptada á normativa da Real Academia Galega de 2003, algo que faltaba no catálogo da entidade pública.
Falamos do corrector Imaxín Galgo 2.0, o que vén sendo unha actualización do corrector Galgo para as novas versións de Microsoft Word para Windows e para Mac, que xa se pode descargar de balde na devandita plataforma pública.
Ao igual que outras da mesma familia, esta ferramenta permite solucionar erros de carácter tipográfico, ortográfico e léxico en tempo real mentres imos escribindo, porén a diferenza dos outros, este corrector contén suxestións de vocabulario que están especialmente pensadas para a lingua galega e a súa situación de contacto co castelán.

Xesús Vázquez Abad presentou a nova versión do corrector ortográfico de Imaxin

A aplicación informática foi presentada polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, nun acto no que tamén participaron outros persoeiros importantes para a lingua galega e as TIC como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez ou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, entre outros.
Vázquez Abad mostrouse satisfeito “de poder presentar unha ferramenta que facilita a aprendizaxe e progresiva autonomía no uso correcto do noso idioma”, indicou, que ademais “axuda a superar as inseguridades de quen aposta por escribir en galego no ámbito público e profesional”, engadiu.
Vázquez Abad asegura que o corrector Imaxín Galgo 2.0 “fomenta a presenza do galego nas TIC, ao tempo que logra unha oferta máis ampla e competitiva de produtos e recursos informáticos en galego”, ao que engade que “favorece a opción positiva polo galego no mercado da información e da comunicación e mais a libre circulación do galego nos sistemas avanzados da vida moderna”.
Na súa intervención Abad citou, asemade, outros proxectos do seu departamento que inciden nos mesmos fins, como o Dicionario de pronuncia da lingua galega en liña; os cursos de galego a distancia; o Dicionario xurídico, que estará proximamente en Internet a disposición da cidadanía; e o apoio á candidatura para o dominio puntoGal, do que se encarga a AMTEGA.
Outras iniciativas que aproveitan a tecnoloxía para facilitar o uso do galego e contribuír a súa dinamización é a campaña Twitter en galego XA!, a das Redes sociais en galego e a tradución á nosa lingua de distintos programas baseados en software libre.

PUBLICIDADE