Presentado o primeiro manual práctico en español para Internet

xoves, 20 de setembro do 2012 Raquel Noya

Internet fixo posible que cada vez sexan máis as persoas que deciden difundir as súas ideas e opinións a través da escritura por todo o mundo, converténdose así en axentes transmisores da lingua que, na maioría dos casos, acertan no fondo pero non na forma.
Quere dicir isto que, malia que moitos navegantes se esforzan por escribir con corrección, o certo é que non sempre o conseguen, e acaban facendo evidente o seu descoñecemento do idioma e mesmo da propia ferramenta que usan.
É por isto que blogueiros, tuiteiros, xornalistas dixitais e demais profesionais que utilizan a Rede no seu día a día, agardaban a presentación deste primeiro manual práctico en español de uso de Internet como auga de maio, e a Fundéu BBVA non se fixo agardar máis.
A sede da Real Academia Española foi o lugar escollido para presentar o libro Escribir en internet. Guía para los nuevos medios y las redes sociales, unha ferramenta fundamental e de grandísima utilidade tanto para profesionais como seareiros das plataformas virtuais, que permitirá, entre outras cousas, coidar a escritura e usar correctamente o idioma na Rede.
O acto de presentación, que se puido seguir en directo vía Internet, estivo presidido polo director da Real Academia Española e presidente da Fundación del Español Urgente (Fundéu BBVA), José Manuel Blecual, quen considera que o manual “é unha caixa de ferramentas axeitadas para o traballo diario dos profesionais”.
O manual achega unha serie de indicacións de uso xeral do medio e estudos de máis de corenta expertos sobre cortesía na Rede, correspondencia electrónica, reputación online, redacción para blogs, mensaxeiría instantánea, xestión de comentarios, redes sociais, emoticonos, accesibilidade... sen esquecer a propia lingua, con recomendacións sobre o uso do español global, uso de abreviaturas... a fin de contas, todo o que resulta necesario para expresarse con corrección e fluidez na Internet.
O coordinador do manual, o xornalista Mario Tascón, quen afirma que “non é só unha obra feita para xornalistas”, indica que para a súa elaboración foi necesaria a axuda de expertos de multitude de países, así como a recompilación de milleiros de traballos e escritos subidos á Rede, dos que se extraían conclusións válidas para tomar como referencia.
Tascón afirma que a necesidade xeral dun manual deste tipo xustifícase polo desexo da xente de coidar o que escriben de forma pública, un interese que vai medrando a medida que se estende o uso das novas tecnoloxías.
O xornalista cualifica este manual de “máis moderno que o empregado noutros libros de estilo que se puideron sacar no tempo”, xa que, segundo indica, “nel tamén interviñeron os lectores”.
Afortunadamente, este non se trata dun proxecto que se imprime en papel e queda estancado para acabar morrendo nun par de anos; trátase dun proxecto en continua renovación que se poderá cumprimentar en liña na web manualdeestilo.com.

PUBLICIDADE