Presentados os avances de VINIoT, o proxecto para facer avanzar o sector do viño con Internet das Cousas e Big Data

luns, 25 de xaneiro do 2021 Redacción

Os días pasados celebrouse telematicamente unha xornada técnica para compartir os achados do proxecto VINIoT, unha iniciativa europea e transfronteiriza para facer avanzar o sector do viño en materia tecnolóxica e dixital, poñendo o foco na optimización da xestión e a produción. Na cita participou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos.
Este proxecto céntrase na creación dun novo servizo tecnolóxico de monitoraxe de viñedos. Este servizo, subliñou o director da AGACAL, “permitirá ás pequenas e medianas empresas dun dos sectores produtivos máis importantes da nosa comunidade, situadas dentro do espazo SUDOE, facer seguimento das súas plantacións en tempo real, a distancia e con diferentes niveis de precisión (uva, planta, parcela e viñedo)”.
Segundo engadiu, o proxecto VINIoT aborda o acceso en tempo real a medidas de parámetros de alto interese e valor engadido para a planificación e toma de decisións dentro do ámbito vitivinícola. “Isto é posíbel a partir dunha rede de sensores que segue unha arquitectura de Internet das Cousas e cuxo gran volume de información (Big Data) é procesado con técnicas de Intelixencia Artificial para a obtención destes parámetros”, explicou.
Esta xornada técnica, organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), estivo especialmente dirixida a directivos, investigadores, responsábeis de enxeñería, técnicos e outros profesionais de produción, I+D+i, deseño e loxística.
Tamén participaron empresas industriais relacionadas principalmente co sector vitivinícola. Ao longo da mesma, intercambiáronse experiencias cos participantes e debateuse sobre as necesidades e os principais retos do sector vitivinícola.
A iniciativa VINIoT foi financiada na terceira convocatoria Interreg-SUDOE 2018 e conta cun orzamento de algo máis de 1,4 millóns de euros. O proxecto botou a andar en outubro de 2019 e rematará en setembro do ano 2022. Nel participan un total de oito beneficiarios, dos cales tres son de Galicia -Asociación de Investigación Metalúrgica del Noroeste (AIMEN), líder do proxecto; a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) e a Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA)-, un da Rioxa, un de Portugal e tres de Francia.

PUBLICIDADE