Presentan as funcionalidades que preparan para a aplicación Sergas Móbil

martes, 3 de xuño do 2025 Redacción

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón, presentaron esta mañá en convocatoria de prensa as novas funcionalidades que se incorporarán á aplicación Sergas Móbil, entre as que se inclúe a posibilidade de activar un chat directo de mensaxería entre profesionais sanitarios e pacientes.
Lobato adiantou que nos vindeiros días a Xunta publicará a licitación do contrato para o desenvolvemento destas ferramentas dixitais, cun orzamento de 1.517.824 euros, tal e como adiantou onte o presidente da Xunta. O obxectivo, sinalou, é “reforzar e ampliar as canles de comunicación entre a sanidade pública e a cidadanía”.
Neste contexto, destacou algúns datos que amosan a consolidación do uso da aplicación do Servizo Galego de Saúde, que xa supera os dous millóns de usuarios rexistrados (2.188.151).
Durante o ano 2024 realizáronse 7.026.375 consultas telefónicas en atención primaria, 1.707 videoconsultas en ámbitos tanto de primaria como hospitalario, e 11.121 pacientes con doenzas crónicas están actualmente telemonitorizados a través do servizo de teleasistencia Telea. Ademais, os centros de saúde devolveron 19.661 chamadas a pacientes.
Tamén foi significativo o uso da tarxeta sanitaria dixital, empregada por 834.512 persoas no último ano, e o envío de 15.586.319 mensaxes de texto personalizadas no marco de campañas de cribado e vacinación.

Novas prestacións

O subdirector xeral Benigno Rosón explicou que, entre as melloras previstas, destaca a incorporación do iChat, un servizo de mensaxería directa entre paciente e profesional. Aínda que actualmente Sergas Móbil xa permite o envío de documentos a través da carpeta de É-Saúde, agora preténdese facilitar un intercambio máis fluído de información, incluídas imaxes e consultas, tanto en tempo real como de xeito asíncrono.
A aplicación tamén contará cun asistente virtual baseado en intelixencia artificial xerativa, ao que se lle poderá consultar en galego ou castelán mediante mensaxes de voz ou texto.
Ademais, desenvolverase un sistema de seguimento para que os acompañantes poidan coñecer en tempo real o avance do proceso asistencial dos pacientes en servizos como urxencias, hospitalización ou hospital de día.
Tamén está previsto incluír un asistente integral que proporcione orientación sobre trámites previos a intervencións cirúrxicas, vídeos explicativos e recomendacións de coidados posteriores.
Segundo o previsto na licitación, as novas funcionalidades deberían estar desenvolvidas antes do 30 de xuño de 2026, e a súa implantación realizaríase de forma progresiva ata finais de 2027, unha vez verificada a súa efectividade.