Presentan en Compostela os Hubs de Innovación Dixital

venres, 2 de marzo do 2018 Redacción

Acto de presentación dos hubs dixitais galegos, celebrado este mes de marzoDurante a xornada Hubs de Innovación Dixital. Novos marcos de colaboración, celebrada na Cidade da Cultura, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou que o Hubs de Innovación Dixital serán o mellor instrumento para desenvolver o ecosistema innovador galego ao marcar o camiño a seguir para facer fronte aos retos do futuro, como a dificultade das PEME para innovar en solitario ou a necesidade de incorporar tecnoloxías facilitadoras en todo o sector produtivo.
Así, desenvolverase un sistema de colaboración aberto público-privado que será capaz de cohesionar o sistema galego para salvar a distancia entre o coñecemento e o mercado e conseguir ser sustentable. Os obxectivos que se perseguen son adaptar as características do tecido galego a unha especialización nos sectores estratéxicos, potenciar a incorporación de tecnoloxías facilitadoras e impulsar o potencial innovador das PEME.
Conde falou de «cambio cualitativo no modelo de innovación que queremos para a Galicia de 2030» e presentou os Hubs como punto de encontro entre a empresa, a investigación e o financiamento e avanzou que se configurarán como xanelas únicas de servizos das que se beneficiarán todos os axentes implicados xa que, entre outros, poderán acceder a facilidades para incorporar tecnoloxía, apoio na planificación e acceso a investimentos, servizo de mentoring especializado, axuda para o emprendemento ou formación. Ademais, os centros de coñecemento participantes ofrecerán as súas infraestruturas e capacidades para o lanzamento de proxectos piloto ou demostración de novas tecnoloxías.
Para a súa posta en marcha (que o Goberno galego espera que se produza en 2019, tras estudar as primeiras propostas nos vindeiros meses) Conde avogou por centrarse naqueles sectores galegos con máis potencial, pois o obxectivo final é contar cun modelo realista, viable e sustentable no futuro.
O conselleiro pediu, ademais, a implicación de todo o sistema: desde os emprendedores ás administracións, pasando polos investidores, as PEME, as empresas tractoras e os centros de coñecemento e tecnolóxicos para que o éxito da innovación en Galicia chegue sobre a base da unión.

PUBLICIDADE