Presentan en Madrid a nova consola portátil Nintendo 3DS
venres, 11 de marzo do 2011
Esta
mañá a sala New Garamond de Madrid acolleu un evento organizado por Nintendo
para centos de xornalistas e blogueiros para presentar oficialmente en España a
súa nova consola portátil. Para que o acto fose máis alá de deixar probar a
Nintendo 3DS aos presentes, comezouse cunha réplica do programa de televisión
de Buenafuente, na que o coñecido presentador comezou cun monólogo sobre
videoxogos para encadear logo unha serie de entrevistas moi amenas nas que
adiantaron detalles sobre a nova consola e a impresión que tiñan sobre a mesma
distintos convidados.
- Nicolás Wegnez destacou o carácter social da 3DS e anunciou que Ocarina of Time estará localizado ao español
O primeiro en enfrontarse ás preguntas de Andreu Buenafuenta foi Nicolás
Wegnez, o director de Marketing de Nintendo España, quen comentou moitas das
prestacións da Nintendo 3DS, pero que tamén aproveitou o momento para avanzar
que o xogo The Legend of Zelda: Ocarina
of Time 3D estará totalmente traducido ao español (pese a que o xogo
orixinal para Nintendo 64 vendérase en España en inglés).
Posteriormente visitaron o escenario desenvolvedores coma Enric Álvarez, de
Mercury Steam, compañía que desenvolveu Castlevania:
Lord of Shadow (o que podería dar a entender que hai un novo Castlevania en preparación para a 3DS) e
os independentes Tyrone Rodríguez (que está a traballar en Nicalis Ins para levar
Cave Story á Nintendo 3DS) e Roberto
Álvarez de Lara (un dos responsables Over The Top, estudo español que
desenvolveu NyxQuest, título de
grande éxito en WiiWare), que destacaron as posibilidades que abren as 3D na
creación de videoxogos.
- Punset defendeu o uso dos videoxogos por parte dos nenos
Finalmente, saíu a escena un convidado moi especial,
o coñecido divulgador científico Eduard Punset, que falou moi positivamente da
experiencia tridimensional da 3DS no que definiu que era unha «quinta dimensión», á vez que insistiu
en que leva tempo insistindo en que os pais non deben ter unha postura negativa
ante os videoxogos, pois é preciso desmitificar o seu uso por parte dos
cativos, xa que asegurou que «é
absolutamente imprescindible para profundizar no coñecemento das cousas» e que
os videoxogos non fan que os rapaces perdan a súa capacidade de concentración,
senón que enriquecen como aprender un idioma.
Amais, Punset e Buenafuente comentaron que participaron nun experimento de
Nintendo no que os convidaron a probar a nova consola portátil para gravar a
súa primeira impresión ao probar a súa pantalla autoesteoscópica, o que tamén
fixeron outros figuras de sona coma o futbolista Pepe Reina, a actriz Paula
Echevarría e aos membros de El Hormiguero
Juan Ibáñez (Trancas) e Jorge Marrón (Marron), como podemos ver a continuación:
Probando a Nintendo 3DS
- No evento puideron verse adiantos de xogos aínda en desenvolvemento como o Mario Kart para 3DS
Tras o
espectáculo inicial, Nintendo puxo a disposición dos presentes numerosas
consolas Nintendo 3DS para poder probar en primeira persoa non só os títulos
que van saír no seu lanzamento, senón tamén gozar de vídeos conceptuais que
adiantan o que serán futuros títulos como Mario
Kart, Paper Mario ou Metal Gear Solid 3DS: Snake Eater (que destacaba
por facer un uso realmente intensivo das 3D), así como poder experimentar da
realidade aumentada que ofrece a 3DS mediante o uso de tarxetas que facilitan a
representación de imaxes tridimensionais na súa pantalla que aparecen
mesturadas coas imaxes captadas polas súas cámaras, o que permite, dende xogar
a apuntar e disparar a dianas integradas virtualmente nunha mesa que tiñamos
diante, ata poder tirar fotografías xunto a Mario, Link ou Kirby.
- A Nintendo 3DS permite xogar coa realidade aumentada
A Nintendo 3DS tamén funciona con xogo da Nintendo DS orixinal e gozará tamén
de adaptación de vellos xogos da Game Boy orixinal, o que puido comprobarse in situ, e que serve para amosar o
potencial de xogo desta consola que parte así cun inmenso catálogo de títulos
dos que poder gozar dende o primeiro día, aínda que o forte claramente son os
seus xogos nativos.
Os xogos que puideron probarse a fondo ían dende Los Sims 3 (unha adaptación bastante modesta do xogo, que non
destaca especialmente no catálogo da nova portátil de Nintendo) ata unha
impresionante conversión ás 3D de Rayman
2, que pese a ser unha saga bastante esquecida (en boa medida por verse
eclipsada polos Rabbids, que naceran
coma personaxes secundarios e que ascenderon para contar con múltiples xogos de
seu) resulta ideal para experimentar a profundidade que achega a pantalla da
3DS.
Un dos xogos máis representativos da Nintendo 3DS será o Nintendogs + Cats, que sorprende polo feito de que as 3D non só
afectan ao contorno, senón que tamén dan certo volume ás mascotas que protagonizan o xogo, o que fará gozar aos
moitos seareiros desta franquía. Tamén había moitos interesados en probar o
mencionado The Legend of Zelda: Ocarina
of Time, no que podemos considerar que é unha conversión máis que correcta,
na que as 3D déixanse notar, aínda que a súa maior virtude é a de permitir ás
novas xeracións gozar dun dos mellores xogos de Nintendo de todos os tempos.
Cómpre destacar que as 3D xogaban un papel moi importante á hora de enfrontarse
a títulos como Pilotwings ou Kid Icarus, que ao amosar imaxes de voo transmitían
unha sensación de profundidade impresionante (o que tamén pasaba na
demostración do Starfox 64 adaptado á
3DS); os xogos de condución, pese a estar limitados á pequena pantalla da
portátil, conseguían certa sensación inmersiva moi enriquecedora; o Pro Evolution Soccer 3DS non destacaba
precisamente polo seu uso das 3D, senón polo feito de acadar un nivel gráfico
máis propio dunha PSP que dunha consola portátil de Nintendo, polo que os
seareiros deste xogo de fútbol estarán encantados de poder levar no peto esta
fonte de diversión; Resident Evil: The
Mercenaries 3D demostraba que os xogos de
tiros funcionan realmente ben na nova consola, o que pode contribuír a que
certo público habitualmente alleo ás consolas portátiles decidan darlle unha
oportunidade á 3DS; e incluso os títulos de loita poñían a proba non só as 3D,
senón tamén o sistema de control da consola, que aproba o exame, de xeito que
tanto o Dead or Alive: Dimensions
coma o Super Street Fighter IV: 3D Edition
podían manexarse con fluidez, resultando doado realizar combos, deixando claro que o stick
analóxico da 3DS é considerablemente máis cómodo que o da PSP de Sony. Resulta
curioso o feito de que o Street Fighter
IV para 3DS conserve unha mecánica de xogo 2D e á vez sexa un dos que ten
un uso das 3D que poida sorprender máis por inesperado, xa que os marcadores e
os textos do xogo aparecen nun primeirísimo plano, mentres que os fondos teñen
unha profundidade que, pese a estar presente nas súas versións para consolas
domésticas, non destacaban como fai
nesta entrega.
Entre os presentes había consenso en que a experiencia 3D era moi boa, aínda
que non todas as persoas valoraban de igual xeito a barra de deslizamento que
permite axustar o efecto de profundidade (e mesmo desactivalo), polo que para a
meirande parte do público o efecto podía gozarse sen realizar ningún axuste,
mentres que algunhas persoas tiñan que suavizalo
lixeiramente.
Tras dúas horas probando distintos xogos en 3D a xente tampouco experimentou
molestias ou mareos, polo que parece que os consellos que fan dende Nintendo
sobre os descansos que debemos tomar no uso da consola son os mesmos que xa
estaban presentes na Wii e outras plataformas de videoxogos, ou sexa, que non
parecen atender a efectos nocivos da tecnoloxía que emprega a pantalla da 3DS
senón a unha mera recomendación dun uso moderado dos videoxogos.
O que non permitiu o evento foi experimentar das posibilidades sociais e de
rede que vai permitir a 3DS, pois deberemos agardar ao seu lanzamento o
vindeiro día 25 para poder espremer tales prestación no mundo real, e que
posiblemente cheguen a ter unha repercusión máis importante que a pantalla 3D sen lentes da nova portátil, mudando o
xeito de entender este tipo de dispositivos, que cada vez teñen máis
funcionalidades.
- A Nintendo 3DS aposta por xogos e prestacións que a abren a un público moi diverso
- A curiosidade pola pantalla 3D parece que será o principal reclamo da 3DS, aínda que conta con máis prestacións que poden ser a chave do seu éxito