Presentan en Taipei un tablet con Windows 8.1 que custaría uns 100 euros

mércores, 4 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Estes días o Computex de Taipei está a servir para que moitos fabricantes, principalmente asiáticos, amosen os seus novos produtos, entre os que non faltan dispositivos con moito potencial para ter unha boa acollida pola súa innovación ou polo seu prezo, e dentro destes últimos dende Mobile Geeks dan conta dun impresionante tablet do fabricante chinés Emdoor que sorprendería por funcionar con Windows 8.1 (ou sexa, un Windows completo) e ter un prezo que estaría no contorno dos 100 dólares/euros.
O Emdoor EM-I8080 é un dispositivo con pantalla IPS de 8 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, procesador Intel Atom Z3735, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante microSD, saída mini HDMI, altofalantes estéreo, cámara traseira, batería de 18.5 Wh e un peso de só 355 gramos, o que sería o soño de moitos usuarios que desexen cargar cun ordenador enriba sen ter que cargar con un portátil nin ter que facer un elevado investimento.
Ao parecer, este dispositivo podería chegar a distintos mercados tanto baixo a marca Emdoor como a través doutras compañías (que poderían incluír lixeiras variacións), destacando polo seu reducido prezo posiblemente grazas á nova política de non cobrar licenzas de Windows para dispositivos con pantallas de pequeno tamaño.


O EM-I8080 en vídeo da man de Mobile Geeks

PUBLICIDADE