Presentan en Vigo o novo modelo de sala de vistas dixital que está a implantarse no ámbito xudicial galego

luns, 23 de xullo do 2018 Redacción

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira, visitaron esta mañá o Xulgado de Familia 1ª Instancia de Vigo, un dos dez órganos que neste momento dispón de sala de vistas dixital, que permite a celebración de vistas sen papeis. Este tipo de salas están equipadas con elementos tecnolóxicos de última xeración e deseñadas para dar reposta ás necesidades actuais e futuras que poden darse no transcurso das mesmas.
Rueda avanzou que se está a traballar para implantar este modelo noutras 30 salas de vistas a partir de 2019. Tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; o xuíz decano de Vigo, Germán Serrano; o xuíz titular do Xulgado de Familia, Daniel Tomás e o secretario coordinador da provincia de Pontevedra, José Tronchoni.

Equipamento tecnolóxico de última xeración

As salas de vistas dixitais están dotadas cun software de uso sinxelo e intuitivo desde o que o auxilio xudicial manexa un equipamento tecnolóxico de última xeración: micrófonos dixitais con calidade de audio profesional; cámaras de vídeo de alta definición no estrado e no fondo da sala con zoom robotizado; videoconferencia integrada; e pantalla para visualizar a sala desde as diferentes perspectivas e tomas de datos para a conexión de equipos.
Ademais da mellor calidade de son e imaxe coa que se rexistran as vistas, esta solución integrada ofrece unha imporante serie de vantaxes para o desenvolvemento dos xuízos. Xuíces e fiscais poden acceder desde os seus equipos ao Visor do Expediente Xudicial Electrónico sen necesidade de empregar documentos en papel. Ademais, facilita a visualización e gravación de probas físicas desde distintos puntos da sala e posibilita a participación de persoas desde fóra da sala con garantías para testemuñas protexidas e menores.

Plan Senda

A dixitalización das salas de vistas é un paso máis na modernización da Xustiza en Galicia cuxa folla de ruta é o Plan Senda 2020, cun orzamento de 26 millóns de euros. Esta estratexia está a consolidar o traballo previo realizado no Plan Senda 2014 e que sentou as bases do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia, onde están en marcha todas as pezas que permitirán unha xustiza integramente dixital.
Unha das pezas angulares desa xustiza sen papeis é repositorio unificado xudicial que centraliza, nun punto único, toda a información xudicial, datos e documentos, xerada diariamente na tramitación procesual de calquera procedemento en calquera órgano xudicial Este repositorio permite a consulta de case nove millóns procedementos e 16 millóns de documentos online
Nos últimos anos puxéronse a disposición dos profesionais da xustiza diferentes solucións para facilitar a dixitalización das súas funcións e cuxo uso estase a intensificar. Así, no primeiro semestre do ano asináronse dixitalmente máis de 283.000 documentos, catro veces máis que os asinados durante o mesmo período do ano pasado. As consultas ao Visor do Expediente Electrónico Xudicial entre xaneiro e xuño ascenderon a preto de 22.000, o dobre que no mesmo período do ano pasado.
En canto ao equipamento que facilita á implantación das salas de vistas dixitais, cómpre lembrar que preto do 90% das salas de vistas de Galicia dispoñen de sistema de gravación de vistas con sinatura dixital eFidelius e todos os órganos xudiciais contan con sistema de videoconferencia.

PUBLICIDADE