Presentan no CES varias lentes de realidade aumentada

martes, 9 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Aínda que as Vision Pro de Apple sexan un dos principais produtos tecnolóxicos que vaiamos ver este ano, moitos fabricantes son conscientes de que boa parte das súas promesas poden cumprirse con dispositivos moito máis sinxelos e económicos, de aí que no CES de Las Vegas sexan varias as propostas de lentes con pantallas que, aínda que teñan posibilidades de realidade aumentada, están orientadas principalmente a facer de pantalla virtual na que poder traballar, xogar ou reproducir contido audiovisual de xeito persoal.
Entres estas propostas estarían as Asus AirVision M1, unhas lentes que integran unha pantalla Micro OLED capaz de entregar unha imaxe Full HD cun brillo máximo de 1.100 nits, de xeito que permitiría ler textos sen problema e funcionar en contornos con luz natural, o que pode aproveitarse para gozar dunha pantalla virtual xigante ou para dispor numerosas pantallas ao noso redor, tendo en conta que o ángulo de visión en vertical é de 57 graos (mentres que outras lentes semellantes están no contorno dos 40 graos de visión vertical).
Estas lentes poden conectarse directamente a un PC e, mediante o seu software, configurar os monitores virtuais que queiramos, soportando diferentes relacións de aspecto, e fixando esas pantallas onde queiramos, conseguindo un efecto moi diferente á solución de Apple, xa que desta volta a realidade non está reflectida na pantalla tras captarse por cámaras, senón que a pantalla é transparente. Tamén é posible conectar directamente a un smartphone ou calquera outro trebello con saída de vídeo por USB-C e así ver os contidos como se tivésemos diante unha grande pantalla.
Moi semellantes son tamén as Xreal Air 2 Ultra, que poden xa reservarse para o seu envío a finais de marzo, e que teñen un prezo de 699 dólares, o que semella un prezo esaxerado se tempos en conta que a versión destas lentes de hai un par de anos, as Xreal Air, poden adquirirse a 299 dólares. A principal mellora destas lentes sería un maior ángulo de visión vertical (52 graos fronte aos 46 do modelo anterior) e máis posibilidades a nivel de software para funcións de realidade aumentada, de xeito que quen simplemente desexe gozar dunha pantalla xigante na que consumir contidos pode optar polos primeiros modelos desta marca que xa ten bastante experiencia neste tipo de produtos que parecen querer gañar pulo grazas á entrada de Apple no mercado da realidade estendida.