Presentan no Computex unha tarxeta microSDXC de 512 GB

venres, 5 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Cada vez son máis os dispositivos que aceptan tarxetas de memoria microSDXC, ou sexa, que poderían ampliar a súa capacidade de almacenamento até en 2 TB, pero polo momento non hai tarxetas de tal capacidade no mercado, e a máis grande que atopararemos a partires do mes de xullo a o prohibitivo prezo duns mil dólares será a nova Microdia Xtra Elite de 512 GB, que consegue introducir unha impresionante cantidade de información nun dispositivo do tamaño dunha unlla.
Loxicamente o prezo desta unidade é desproporcionado (o modelo de 64 GB custaría no contorno dos 30 dólares) porque estamos ante un produto de fabricación complexa, como é habitual en novos dispositivos, polo que é de agardar que en poucos meses estas unidades poidan conseguirse a un prezo asumible.
Esta nova tarxeta de memoria sería do tipo SD 4.0 UHS-II, ou sexa, que non só tería unha enorme capacidade, senón que en termos de velocidade tamén podería funcionar ate 30 veces máis rápido en operacións de lectura/escritura que outras tarxetas de memoria actuais. Teríamos así un produto que parece indicado para usuarios profesionais, sendo especialmente de agradecer para fotografía de alta calidade ou vídeo en alta resolución.

PUBLICIDADE