Presentan no Xapón un clon do Kindle 2

luns, 13 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Dentro do encontro nipón Digital Publishing Fair 2009, a compañía Founder International (división xaponesa dunha firma tecnolóxica chinesa) deu a coñecer un novo modelo de lector de libros electrónicos claramente inspirado no Kindle 2, non só en características senón tamén no seu propio deseño externo (e disposición de botóns), que pretende pórse á venda en China antes de rematar o ano.
O WeFound terá un prezo duns 210 dólares (mentres que o Kindle 2 vén de reducir o seu prezo a 299 dólares) e conta con espazo para unha tarxeta SIM, que permite dar acceso á Rede a través da telefonía móbil para permitir as descargas de contidos como tamén fai o Kindle de Amazon.
O dispositivo, do que polo momento só amosaron un prototipo, conta cunha pantalla de aproximadamente 6 polgadas con tecnoloxía de E Ink, ou sexa, equivalente a do dispositivo de Amazon, pero cunha diferenza moi importante: non estar atado a un servizo de telefonía móbil determinado. Deste xeito, o potencial de comercialización internacional do lector de e-books é moi elevado, aínda que todo dependerá das facilidades que poña o seu fabricante para a súa personalización.