Presentan os primeiros Lumia con Windows 10

martes, 6 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Finalmente son oficiais os novos smartphones con Windows 10, que veñen a continuar a liña marcada pola familia Lumia nacida no seo de Nokia, pero abríndose a novas posibilidade moi interesantes, especialmente na súa liña Premium composta inicialmente polos teléfonos Lumia 950 e Lumia 950 XL, que serán os que estreen a funcionalidade Continuum, o que permítelles que, valéndose da estación de acomplamento para pantalla de Microsoft, conectarse a un monitor e transformalo nunha grande pantalla de entretemento ou engadir tamén teclado e rato e traballar como se estivese diante dun PC coas aplicacións de Windows 10 adaptadas para tal uso (como o propio Microsoft Office). Ambos teléfonos contarán tamén con cámara PureView de 20 Mpíxeles, triplo flash natural LED e gravación de vídeo 4K, de xeito que manterían un dos puntos fortes tradicionais nos Lumia de alta gama.
O Lumia 950 contaría cunha pantalla de 5,2 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 808, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno, cámaras de 20 e 5 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, NFC, USB-C 3.1 e batería de 3.000 mAh con carga rápida e sen fíos; mentres que o Lumia 950 XL leva a súa pantalla até as 5,7 polgadas, o seu procesador elévase até o Qualcomm Snapdragon 810 e a súa batería medraría até os 3.340 mAh para atender a estes últimos detalles sen detrimento da súa autonomía. Chegarán a algúns mercados no mes de novembro.

Vídeo promocional dos Lumia 950 e Lumia 950 XL
Dado que Microsoft quere chegar a todo tipo de público, e pensando especialmente en dispositivos de empresa, tamén amosaron o novo Lumia 550, que por un prezo de 139 dólares nos EE.UU. ofrece un smartphone 4G con pantalla de alta definición de 4,7 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 210, 8GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 200 GB), cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1 e batería de 2.100 mAh, de xeito que dá a impresión de que estaremos ante un terminal cun bo desempeño a un prezo moi axustado do que aínda non sabemos cando chegará a España.

PUBLICIDADE