Presentan un módulo de cámara 360 de só 7,6 milímetros de grosor

xoves, 29 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Estes días no Mobile World Congress de Shanghai están a poder verse moitas innovacións que posiblemente cheguen aos smartphones que teremos no mercado nos vindeiros meses, entre as que dende Engadget destacan os novos módulos de cámaras de 360 graos, que xa conseguen unhas dimensións tan cativas que permitirán que un teléfono poida integrar esta tecnoloxía emerxente sen facer grandes concesións.
Actualmente a compañía chinesa Darling xa ten un teléfono con cámara de 360 graos (ou sexa, un ollo de peixe traseiro e outro dianteiro), pero HT Optical integrará os seus módulos de cámara en máis produtos no futuro especialmente por telos adelgazado o suficiente como para poder integralos en smartphones de só 7,6 milímetros de grosor, prometendo que poderán tomar fotografías de 16 Mpíxeles (resolución semellante á da última versión da cámara Samsung Gear 360). Espérase que o módulo tamén poida empregarse para gravar vídeo en 360 graos cunha resolución de 4K, o que sería bastante interesante para unha cámara integrada, aínda que haberá que ver se os consumidores realmente queren gozar de tal funcionalidade de xeito fixo, pois ao contar con obxectivos de ollo de peixe sobresaen preto dun milímetro, o que pode resultar incómodo ou incluso pode levantar dúbidas sobre a resistencia dos obxectivos a longo prazo (xa que estarán moi expostos a agresións externas).

A compañía chinesa Darling xa conta no seu catálogo cun smartphone con cámara de 360 graos

PUBLICIDADE