Presentan un novo videoxogo para PC de creación galega

martes, 23 de novembro do 2010 Marcus Fernández

A empresa coruñesa Gato Salvaje, S.L. presentou hoxe o seu primeiro produto comercial, o videoxogo AR-K, unha aventura gráfica independente e con ambientación futurista que mestura intriga e humor, que distribuirase globalmente a través da Internet a partir do primeiro trimestre de 2011, cando estará dispoñible por 5,95 euros o primeiro dos 5 capítulos que formarán este xogo e que levará por título Sexo, mentiras y trabajos de clase.
AR-K contará con dobraxe profesional, e estará dispoñible en galego, español, alemán e inglés, chegando inicialmente para ordenadores con Windows cunhas estimacións de vendas dunhas 20.000 unidades, aínda que non desbotan preparar versións futuras para Linux, Mac OS X ou mesmo para plataformas móbiles coma o iPhone.
Este título narra a historia de Alicia, unha estudante de xornalismo nunha sociedade futurista e utópica á que o achado dun misterioso obxecto lévaa a introducirse nunha complicada trama de investigación na que terá que detectar todas as mentiras que separan a aparencia da realidade.
A idea deste proxecto xurdiu no máster de animación 3D MAISCA da Universidade das Illas Baleares, onde coincidiron os socios de Gato Salvaje, Sergio Prieto, Javier Vara Calviño e Javier Vilar Ortiz, contando os 2 primeiros tamén cun máster en creación e comunicación dixital da Universidade da Coruña e con prácticas na produtora Dygra.

Sexo, mentiras y trabajos de clase é o lema que pretende introducirnos a AR-K
Esta aventura aposta polos gráficos tridimensionais

PUBLICIDADE