Presentan un ordenador de 499 dólares capaz de funcionar con Oculus Rift

luns, 9 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Durante 2016 os fabricantes de equipos informáticos esforzábanse axustando configuracións para colocar no mercado ordenadores de sobremesa capaces de mover sistemas de realidade virtual como Oculus Rift que custaran no contorno dos 1.000 dólares, e tras varios meses con tarxetas gráficas nunha carreira para avanzar neste ámbito temos por fin logros tan salientables como o ordenador de CyberPowerPC, que cun procesador AMD e unha gráfica Radeon consegue algo que parecía imposible: ser capaz de funcionar con Oculus Rift custando só 499 dólares, sendo posible incluso a súa compra conxunta co sistema de realidade virtual por 1.099,98 dólares.
Este equipo non só interesará a quen queira gozar da realidade virtual no seu fogar, senón tamén a quen queira gozar dos últimos videoxogos con solvencia, sen ter que facer un grande desembolso económico. Este ordenador á venda nos EE.UU. funciona cun procesador AMD FX 4350 a 4,2 GHz, 8 GB de RAM (DDR3), gráfica Radeon RX 470 con 4 GB de memoria, 1 TB de disco duro a 7.200 revolucións por minuto, gravadora de DVD, 3 portos USB 3.0, 7 portos USB 2.0, teclado e rato.
Cómpre salientar que este equipo é capaz de mover a realidade virtual de Oculus Rift grazas á unha prestación nova deste casco de realidade virtual chamada ASW, que compara fotogramas renderizados, detecta o movemento entre os mesmos e proxecta novos fotogramas intermedios, de xeito que consegue unha sensación de fluidez sen precisar de demasiada potencia de cálculo, ou sexa, que non significa que este ordenador sexa capaz de funcionar, por exemplo, con HTC Vive (solución que carece de trucos para precisar dunha menor potencia gráfica).

PUBLICIDADE