Presentan unha base de datos de vítimas da guerra civil e a represión en Galicia
mércores, 29 de xullo do 2009- Imaxe da presentación da base de datos do proxecto publicada por María Yáñez</A> en Facebook
O programa de
investigación As vítimas, os nomes, as
voces e os lugares presentou hoxe a base de datos das vítimas
da guerra civil e a represión franquista en Galicia nun acto
celebrado no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC.
Con esta presentación dáse a coñecer parte do traballo desenvolvido polo equipo
de investigación, integrado por investigadores das tres universidades galegas,
nos últimos anos referente ao estudo das vítimas da represión franquista entre
1936 e 1939.
A base de datos «dista de ser definitiva,
nin polo número, nin polo tempo que durou a represión da ditadura, nin polas
formas que esta adquiriu» pois «os
datos presentados están criticados, cruzados entre diferentes fontes e
sometidos polo tanto a unha contrastación e validación que non sempre é doada».
- A nova web do proxecto foi desenvolvida por A Navalla Suíza
Este proxecto de investigación naceu en 2006 a través un convenio entre as 3
universidades galegas coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e a base
de datos resultante presenta información de fontes documentais moi amplas, coma
os expedientes dos procesos xudiciais (2.608, con máis de 400.000 páxinas),
rexistros civís dos concellos (310), fontes orais (460 entrevistas, das que
polo momento só están dispoñibles as 100 primeiras) e 52 traballos publicados
por diferentes autores nas últimas décadas aos que se incorporarán 68 arquivos
parroquiais.
Nos vindeiros anos, o equipo do proxecto dirixido polo catedrático de Historia
Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e coordinado por Emilio Grandío (A
Coruña), Mª Jesús Souto (Lugo), Julio Prada (Ourense), Dionisio Pereira
(Pontevedra) e Xosé Manoel Núñez (Galicia Exterior) ampliará, nunha segunda
fase de desenvolvemento da investigación a cronoloxía das súas pescudas
abordando os primeiros anos da instauración do réxime franquista a partir de
1940.
- Público asistente ao acto de presentación da Base de Datos das vítimas da guerra civil e a represión franquista en Galicia