Preséntase o iPhone 6 con dous tamaños de pantalla

martes, 9 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Esta tarde millóns de miradas apuntaban ao Flint Center de Cupertino, onde esperábase que Apple presentara o seu novo teléfono, o iPhone 6, e finalmente os numerosos rumores e filtracións dos últimos meses confirmáronse, de xeito que esta última keynote tivo realmente poucas sorpresas (que limitábanse practicamente ao nome que Apple daba aos produtos, que en varios casos abandonaron o prefixo i- para empregar como prefixo a palabra Apple).
Deste xeito Apple está a preparar a renovación dos seus smartphones, que desta volta atrévese con 2 tamaños de pantalla: as 4,7 polgadas do iPhone 6 e as 5,5 polgadas do iPhone 6 Plus, cunhas resolucións de 1.334 x 750 píxeles e 1.920 x 1.080 píxeles respectivamente, no que dan en chamar resolución Retina HD, prometendo tamén un maior e un maior ángulo de visión nestas pantallas (mentres que os competidores de Apple hai tempo que superaron tal densidade de píxeles).
O corazón da máquina tamén se actualizou, e os novos iPhone 6 funciona con arquitectura de 64 bits cun procesador A8 e un co procesador de movemento M8, que prometen un grande rendemento e unha boa eficiencia, coidando que a autonomía dos terminais fose o mellor posible (aseguran que poden aguantar até 11-12 horas de navegación Wi-Fi).
No tocante á cámara, Apple fuxe da guerra dos megapíxeles, e mantén os 8 Mpíxeles, aínda que mellorando a gravación de vídeo con enfoque automático continuo, estabilización de imaxe de alta calidade e gravación en cámara lenta de até 240 cadros por segundo. A cámara FaceTime, pola súa banda, limita a súa mellora a unha detección facial máis precisa e á posibilidade de aplicar HDR tamén a vídeo.
A nivel de conectividade o iPhone 6 tamén soporta máis bandas de LTE, para poder conectarse á Internet á mellor velocidade dispoñible nos distintos países nos que hai conexións 4G, mellora o Wi-Fi engadindo soporte de Wi-FI AC e corrixe unha importante carencia dos iPhone, como era a ausencia de NFC.
O iPhone 6 terá un grosor de 0,69 centímetros, un peso de 129 gramos e capacidades de 16, 64 e 128 Gb a prezos de 699, 799 e 899 euros respectivamente; mentres que o iPhone 6 Plus terá un grosor de 0,71 centímetros, un peso de 172 gramos e un prezo 100 euros superior aos do seu irmán pequeno nas súas distintas capacidades de almacenamento interno. Chegarán en cor prata, ouro e gris espacial e tamén terán dispoñibles como accesorios as súas correspondentes fundas de silicona ou de pel.

JPEG - 164.1 KB
A potencia mellorada do iPhone 6 permitirá un mellor desempeño dos videoxogos
JPEG - 51.2 KB
Comparativa de tamaños entre o iPhone 5S e os novos iPhone 6



JPEG - 24.6 KB
Ao iPhone 6 non lle faltarán fundas a xogo


Vídeo de presentación do iPhone 6 e o iPhone 6 Plus

PUBLICIDADE