Preséntase oficialmente o LG G7 ThinQ

mércores, 2 de maio do 2018 Marcus Fernández

O novo smartphone insignia de LG por fin ve a luz oficialmente, o LG G7 ThinQ, que busca resaltar polo seu procesador avanzado, a súa pantalla brillante, o seu potente audio e a súa cámara intelixente, aínda que vai resultarlle sumamente complicado facerse un oco entre os smartphones de alta gama actuais por chegar ao mercado bastantes semanas máis tarde, facéndolle perder postos competitivos.
O LG G7 ThinQ está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 845, 4/6 GB de RAM e 64/128 GB de almacenamento interno, a súa pantalla de 6,1 polgadas ten resistencia Gorilla Glass 5, e o terminal non só é resistente ao po e á auga (IP68) senón que tamén supera outras probas de resistencia (MIL-STD 810G) para garantir que o seu elegante deseño non significa fraxilidade.
A nivel de cámaras o LG G7 ThinQ ten unha cámara frontal de 8 Mpíxeles con apertura f/1.9, mentres que na súa parte traseira opta por unha cámara dual cun par de sensores de 16 Mpíxeles, das que unha ten unha apertura f/1.6 cun angular normal (71 graos) e a outra ten unha apertura f/1.9 e grande angular (107 graos). Aseguran que a cámara tira proveito da intelixencia artificial para disparar fotografías de grande calidade, xa que o sistema optimizará o modo de disparo en función da escena que detecte.
A nova pantalla de 6,1 polgadas cunha resolución de 3.120 x 1.440 píxeles sorprende por adoptar unha relación de aspecto de 19,5:9 en vez dos 18:9 do LG G6, ou sexa, que a pantalla mantén o seu cómodo ancho, pero medra en altura. A pantalla acada elevados niveis de brillo (1.000 nits) de xeito que pode verse con comodidade en exteriores.
Tamén inclúe unha pestana central na pantalla que pode lembrar á do iPhone X, deixando ao usuario elixir e quere que se presente como no teléfono de Apple ou prefire agochar este elemento presentando unha imaxe negra para camuflarse nos marcos do terminal.
O nivel de calidade sonora si que sería un factor realmente importante neste teléfono, xa que sería o primeiro smartphone en ofrecer DTS.X para conseguir un son virtual tridimensional con calquera contido e até son envolvente 7.1 con auriculares. O LG G7 ThinQ está equipado cun Quad DAC de alta fidelidade, o que sumado á configuración do seu altofalante (que aproveita o espazo interno do teléfono como caixa de resonancia para dobrar a presenza de baixos) consegue converterse nunha opción a ter en conta por calquera audiófilo.
O novo smarpthone de LG ten unha batería de 3.000 mAh, funciona con Android 8.0, o seu grosor é de 7,9 milímetros e pesa 162 gramos. Conta con Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, USB-C e incluso radio FM, e en poucos días chegará ao mercado a un prezo aínda non anunciado.

O LG G7 ThinQ chegará ao mercado con corpos de distintas cores