Preséntase un sistema pioneiro para a dixitalización de viñedos no Ribeiro, apoiado pola Deputación
martes, 11 de marzo do 2025
Este martes 11 de marzo presentouse en Beade e Ribadavia un sistema pioneiro de dixitalización de viñedos no Ribeiro, unha tecnoloxía subvencionada pola Deputación con 20.000 euros no marco das axudas destinadas á promoción do viño no conxunto da provincia, que neste mandato actual ascenden a máis de 200.000 euros de investimento para diversas actividades. Na cita participou o presidente da institución provincial, Luis Menor, quen cualificou o proxecto de “salto cualitativo” para o sector, para a comarca e para a provincia.
O proxecto, explicaron, permitirá ao Consello Regulador dispoñer de distintas aplicacións conectadas a unha única base de datos central, que vinculará tódolos procesos dixitalizados e será ampliable a medida que a D.O desexa abrir servizos a viticultores e bodegas. Un dos obxectivos é “simplificar os procesos actuais e favorecer a disposición da máxima información posible das parcelas, mesmo das abandonadas, nun único sistema”. Ademais, esta nova ferramenta “permitirá maiores facilidades na cesión, o alugueiro ou a compra de terreos para os viticultores, xa que se trata de tecnoloxía de vangarda que ofrece unha visualización das parcelas óptima”.
Durante a presentación no Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, o presidente provincial aproveitou para poñer en valor a “cooperación” como a senda a seguir dende a Deputación, para que sectores coma o do viño dean “un salto cualitativo” con ferramentas novidosas coma a que se estrea, “pioneira en Galicia”, resaltou.
O presidente provincial, acompañado pola presidenta do Consello Regulador do Ribeiro, Concepción Iglesias; alcaldes da zona, viticultores e bodegueiros, percorreron viñas en Barxalonga, Beade, onde o responsable informático, Antoni Antés, explicou aos asistentes o funcionamento desta aplicación dixital, que é a primeira vez que se implanta nunha denominación de orixe galega, tralo seu éxito en zonas vinícolas de Cataluña. Despois de probar a aplicación sobre terreo, os asistentes reuníronse na sede do Consello Regulador, en Ribadavia, onde Luis Menor sinalou o apoio da Deputación ao sector vinícola, “unha das actividades económicas estratéxicas da nosa provincia”. O presidente provincial destacou os beneficios que suporá esta nova ferramenta para os profesionais do sector e a “aposta pola modernidade e o progreso” que supoñen esta e outras iniciativas, nunha zona histórica como O Ribeiro, da man do Consello Regulador.
A presidenta do Consello Regulador da D.O Ribeiro, Concepción Iglesias, amosou o seu agradecemento á Deputación de Ourense por subvencionar este sistema. Iglesias destacou as “dificultades” que supón dixitalizar unha zona vinícola coma O Ribeiro, sinalando que son “máis de 17.000 parcelas as que se beneficiarán desta ferramenta”. Salientou tamén que este proxecto dixitalizador do rexistro vinícola vai permitir xestionar información actualizada de todas esas parcelas, facilitando a modernización do sector.
