Presenza galega entre os peores videoxogos de 2022

xoves, 29 de decembro do 2022 Marcus Fernández

O agregador de críticas de películas, series de televisión, discos de música e videoxogos Metacritic está a publicar as súas listaxes co máis destacado do ano 2022, e no ámbito dos videoxogos tanto dá conta do mellor como do peor. No caso do mellor de 2022 temos como esta plataforma coincide bastante con distintos premios a Xogo do Ano que puidemos ver nas últimas semanas, situando como mellor título a Elden Ring, seguido de God of War: Ragnarok, Horizon Forbidden West, A Plague Tale: Requiem, Stray e Xenoblade Chronicles 3.
Os xogos indicados foron un éxito tanto para a crítica especializada como para os comentarios dos usuarios, conseguindo todos os títulos tamén unha boa resposta comercial, aínda que cómpre salientar que ano tras ano segue a haber xogos como a entrega anual de FIFA, de Call of Duty ou de Just Dance que en absoluto aspiran a ser elevados pola crítica, pero que son os que claramente teñen mellores vendas nas distintas plataformas salvo contadas excepcións.
Pero a sorpresa levámola ao consultar o peor de 2022, xa que no apartado de videoxogos no que recollen os peor valorados (partindo dun mínimo de 7 críticas profesionais) figura unha produción galega, The Waylanders, destacando que o título aspiraba a converterse nun xogo á altura de Dragon Age: Origins e Baldur’s Gate, pero non só quedou lonxe, senón que lanzouse no mes de febreiro con numerosos fallos e a día de hoxe continúa cheo de erros, de aí que sexa toda unha decepción, recibindo unha puntuación de 51 sobre 100. Cómpre salientar que o xogo tivo que enfrontar as dificultades propias de terse que desenvolver durante unha pandemia por parte dun estudio independente, aínda que o feito de que deixase de recibir actualizacións en abril transmite a impresión de que o xogo quedou abandonado sen terse rematado.
En calquera caso, hai xogos que saen bastante peor parados, pese a ter grandes franquías detrás, como LEGO Brawls para PS5 (que recibiu unha puntuación de 46) ou Postal 4: No Regerts (que cunha puntuación de 30 está considerado como o peor xogo do ano).

PUBLICIDADE