Presenza galega na listaxe final de candidatos aos 20Blogs 2008

luns, 3 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Os galardóns 20Blogs do xornal gratuíto 20Minutos vén de amosarlle á comunidade internauta a listaxe final de 100 bitácoras nomeadas para obter o premio de mellor proposta que cada ano concede a devandita publicación. Nos premios, convocados unha vez máis coa arela de recoñecer os valores comunicativos e de participación en liña dos cadernos de todo o estado español e escritos en todas as súas linguas (as catro oficiais), concorreron desta volta até 4.516 internautas. Na listaxe final dos candidatos, que optan neste certame a recoñecementos de natureza variada (quen obteña o premio Mellor Blog 2008 recibirá 3.000 euros e unha participación como columnista no dito xornal), vemos varias presenzas galegas, referenciadas xa en Chuza!.
Deste xeito, entre os finalistas (os 100 devanditos) atopamos dous blogs na nosa lingua: A Lareira Máxica e A Botica da Expresión, que (máis polo miúdo) ficaron situados no 2º e máis no 5º posto da categoría de Versión Orixinal, a modalidade onde concorren os cadernos escritos en linguas diferentes ao castelán.
Asemade, cómpre salientar o papel xogado por Cinema Friki, de novo presente na devandita clasificación predefinitiva, aínda que, segundo se sinala en Chuza!, sen posibilidade de pasar ao criterio do xurado por non estar entre os cinco primeiros da súa modalidade (Versión Orixinal).

PUBLICIDADE