Presenza galega no CES Las Vegas da man do IGAPE e o Plan FOEXGA

venres, 7 de xaneiro do 2022 S. P.

Galicia está presente estes días no que para moitos analistas é o máis grande evento internacional do ámbito tecnolóxico: o Consumer Electronic Show de Las Vegas (CES Las Vegas). A feira acubilla unha misión comercial de empresas e entidades da nosa terra na procura de novos vieiros de negocio para o noso sector tecnolóxico. Na misión participa o director do IGAPE, Fernando Guldrís. A presenza galega no evento abéirase ao Plan FOEXGA promovido pola Xunta en colaboración coas cámaras de comercio.
Así, durante estes días, Guldrís mantén encontros con representantes de Netun Solutions, Norlean Manufacturing & Productividad, Inprosec Auto, Opare Solutions e Sanvicor Herramientas Industriales, no marco dunha misión comercial que busca “reforzar os vencellos co país e as posibilidades do sector galego da electrónica”.
En palabras de Guldrís, “o obxectivo é reforzar o intercambio de contactos e potenciar o papel que xa están a xogar as nosas empresas”, expón o director do IGAPE, que lembra que no marco do FOEXGA o Goberno galego aspira a impulsar máis de 160 actuacións para promover a presenza das pemes galegas en máis de 20 destinos como China, India, Israel, Xapón, Portugal, Marrocos, Brasil, Emiratos, Estados Unidos ou Canadá. Segundo salienta Guldrís, as exportacións galegas a Estados Unidos incrementáronse un 50% nos dez primeiros meses do ano, “supoñendo xa preto de 500 millóns de euros, o que fai deste un dos mercados de maior incremento das vendas ao exterior das empresas galegas neste período”.
Tamén destaca que o CES de Las Vegas é a feira máis importante de electrónica de consumo no mundo. Profesionais do sector reúnense unha vez ao ano na procura de novas oportunidades. Así, só na edición anterior celebrada no ano 2021, acudiron un total de 83.202 participantes, procedentes de 167 países. O total de expositores na edición 2021 foi de 1.943, dos cales 681 eran startups, 1.420 empresas internacionais e 48 países representantes, xerando máis de 1 millón de contactos. “CES Las Vegas constitúe unha excelente oportunidade para as empresas galegas de electrónica e emprendedores galegos, tanto para expoñer novos desenvolvementos como para establecer importantes contactos a nivel mundial”, subliña Guldrís.

PUBLICIDADE