Presenza galega no xurado do concurso para atopar as mellores aplicacións baseadas en IA

venres, 8 de abril do 2016 Redacción

JPEG - 147.8 KB
Bertha Guijarro, vicecoordinadora responsábel científico do CITIC

A responsábel científica do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Coruña, Bertha Guijarro, vai formar parte do xurado dun referencial concurso para elixir as mellores aplicacións baseadas en intelixencia artificial. O certame vén da man da Conferencia da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (CAEPIA) e diríxese a salientar a importancia práctica deste ámbito, “dado o auxe que experimentou o desenvolvemento de aplicacións móbiles nos últimos anos”. Entre os membros do xurado que determinará a ferramenta gañadora tamén se atopan Alberto J. Bugarín Diz, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do CITIUS; Eva Onaindia, profesora da Universidade Politécnica de Valencia; José A. Gámez, profesor da Universidade de Castela a Mancha e Óscar Luaces, profesor da Universidade de Oviedo.
Segundo nos conta o CITIC, entre os requisitos para participar na competición esíxese, de base, o emprego dalgunha técnica de intelixencia artificial na funcionalidade principal da aplicación, e que esta sexa “totalmente funcional”. Tamén que o idioma empregado sexa o español ou o inglés, e que funcionen baixo os sistemas operativos iOS, Android ou Windows Phone.
A organización outorgará dous premios, consistentes en 500 euros para as/os desenvolvedoras/es da ferramenta gañadora e un diploma acreditativo para a/o finalista. As aplicacións poderán ser remitidas até o vindeiro 20 de maio de 2016. O 3 de xuño notificarase aos autores a aceptación a concurso e as correccións. A versión final estendida do aplicativo poderá enviarse, máximo, até o 10 de xuño, e 7 días despois será a data límite para inscribir a un membro por equipo para participar na competición.

PUBLICIDADE